20:21 Mércores, 20 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-01-2011

Na década 1990-2000, 200.000 mozos e mozas de Galiza emigraron. Hoxe a emigración continúa

A que prezo?

Valorar (20)

MARICA CAMPO



Hai dous días, isto é, o 1 de xaneiro, cumpríronse vinte e cinco anos da entrada de España e Portugal na Comunidade Económica Europea. Eu non son economista nin experta en análise política. Son galega atenta e preocupada pola evolución económica e social do meu país. Aínda así, quero facer unhas consideracións sobre un acontecemento que marca un antes e un despois na nosa historia.

A aquela altura, eu era profesora de E.X.B no Colexio Público de Xove. Os meus alumnos e alumnas eran, na súa maioría, fillos de mariñeiros. A pesca, por tanto, era un sector fundamental. Tamén recalaban en Alúmina-Aluminio algúns reconvertidos do sector naval, sobre todo procedentes de Ferrol. Boa parte conxugaban o traballo dalgunha terra e mesmo o coidado de gando con estes traballos, no que chaman economía simbiótica. Mais as dificultades para o agro, a gandería, a pesca e o lácteo xa se albiscaban.

Recordo que daquela os propagandistas da fe, perdón, os propagandistas das marabillas do ingreso español na CEE, auguraban todo tipo de beizóns e bondades derivadas daquel. Hoxe, coido que ninguén ousa defender que a entrada de España no Mercado Común reportou algún beneficio para Galiza. Vaia, algúns si: os que dedicaron grandes partidas de cartos a se perpetuaren no poder, esquecendo a súa verdadeira finalidade, crear infraestruturas e equipamentos para soster unha economía produtiva semellante aos países máis avanzados de Europa, mais non para destruír o que había. Á vista están os resultados negativos para os nosos sectores fundamentais. Ao final devimos en consumidores de produtos foráneos que a nós se nos prohibe producir na medida das nosas capacidades.

Mais, ante a carencia de beneficios, hai quen insiste en que melloramos extraordinariamente en vías de comunicación por estrada e autoestrada. A cambio de que, pregúntome. Chamo aos que leren este artigo a pensaren cal é o expediente real de Galiza na actualidade. Eu o que vexo é que seguimos a ocupar un lugar totalmente secundario no cadro do Estado español e esta situación non se alivia, senón que se agrava coas directrices da Unión Europea. Os sucesivos gobernos españois non foron un filtro positivo: foron unha peneira restritiva e sempre negativizadora.

Na década 1990-2000, 200.000 mozos-mozas galegos emigraron. Hoxe a emigración continúa, incluída a de graduados universitarios preparados magnificamente. Abóndame con mirar as estatísticas familiares. É este o panorama de futuro que agarda á nosa xuventude? Que balance fan o goberno español e o goberno galego deste período histórico? Eu, desde logo, acúsoos de nos teren vendido.

[03-01-2011 23:20] Eu comentou:

Se as políticas do PP non tivesen obrigado a marchar tanta xente nova, sería interesante ver cales serían os resultados das eleccións a día de hoxe. Hai que lembrar que esta xente que marcha perde o dereito a voto en Galiza (que si teñen, por exemplo, algúns arxentinos que tiñan un avó galego).

[03-01-2011 13:46] Eu comentou:

Se as políticas do PP non tivesen obrigado a marchar tanta xente nova, sería interesante ver cales serían os resultados das eleccións a día de hoxe. Hai que lembrar que esta xente que marcha perde o dereito a voto en Galiza (que si teñen, por exemplo, algúns arxentinos que tiñan un avó galego).

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña