01:36 Xoves, 09 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-12-2010

Un dos nosos mellores escritores lévanos da man para coñecermos o País na súa historia, literatura, arte, xeografía, tradicións, festas…

"Galiza", un novo libro inédito de Manuel María

Valorar (12)

ALBERTE ANSEDE ESTRAVIZ



A Fundación Manuel María de Estudos Galegos vén de publicar en coidadísima edición unha nova obra inédita de Manuel María que leva o emblemático título de Galiza e que resulta un aconsellábel agasallo nestas datas, sexa para adultos ou escolares. O novo libro vén a engadirse a "Cecais hai unha luz" dentro do traballo que está desenvolvendo a fundación para difundir a obra do escritor, particularmente aquela que non foi publicada antes do seu falecemento no ano 2004.

O volume que agora se pon ao dispor do público, permanecía no arquivo particular do seu autor desde os últimos anos da década dos oitenta, en que Manuel María recibira o encargo de escribir unha obra sintética sobre o País. A encomenda chegáralle de Mª Pilar García Negro, daquela representante galega no Comité español da Oficina Europea para as Linguas Menos Estendidas. En común acordo das representacións galega, catalá e vasca, presentárase un proxecto diante da Comisión Europea para realizar unha publicación destas características centrada en cada unha das nacións do Estado, con versións en francés e inglés, ademais da do idioma propio de cada unha delas. Manuel María responde puntual á demanda, mais como o proxecto non chegou a recibir a axuda requirida, o orixinal pasou a formar parte dun ordenado arquivo, onde a obra se conservaba encadernada e con todas as indicacións do autor para a súa publicación.

En palabras de Xosé L. Axeitos no acto de presentación na cidade da Coruña, na sede da Real Academia Galega, o libro inscríbese dentro do xénero que inaugura D. Ramón Otero Pedrayo coa súa Guía de Galicia. Efectivamente, supón un percorrido pola historia, xeografía, arte, literatura, costumes, tradicións, economía e festas de Galiza feita por unha das persoas que mellor coñecía o País nas súas claves culturais, mais tamén nas súas características físicas, pois andou a Terra case palmo a palmo. Estamos pois, diante dun excelente instrumento para quen queira ter unha visión global de País.         

Aínda que se trata dun texto esencialmente descritivo e, nese sentido, adscrito ao xénero ensaístico, Manuel María recorreu a unha trama narrativa para, sen dúbida, darlle unha forma máis atractiva para o público en xeral e, tamén, máis idónea para os escolares. Deste xeito, sitúa a catro rapaces fillos de galegos emigrados ou exiliados, que se coñeceron nun Centro Galego de Xenebra, e que nos transmiten a súa visión de Galiza a través dun diálogo organizado en diferentes sesións. O resultado é un relato que se mantén nun ton de obxectividade, mais que resulta unha descrición humanizada, unha mirada que incorpora sempre un algo de poesía.

Por outra parte, unha vez máis, Manuel María plasma nesta obra unha intencionalidade instrutiva e formativa, mesmo moi útil para o público escolar, algo moi presente na obra de quen lle concede un gran valor á educación. Non é casualidade que Manuel María tivese visitado boa parte das escolas galegas para encontrarse cos seus numerosos lectores; que fose a única persoa que asistiu de forma ininterrompida durante vinte e sete anos ás Xornadas do Ensino da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega para encontrarse co profesorado e que dúas importantes obras poéticas súas, como foron Os soños na gaiola e As rúas do vento ceibe, teñan unha intencionalidade expresamente educativa.

A obra leva o prólogo de Xosé Ramón Freixeiro Mato e ten, ademais, o engadido de presentarse nunha atractiva edición ilustrada por Xosé Cobas e con fotografías de Manuel Graña. Ademais, incorpora cadros de datos e ilustracións totalmente actualizados, respectando as indicacións do seu autor de acompañar o texto dunha información que lle engade valor didáctico.

A Fundación está a promover a súa presentación polas cidades e vilas galegas, téndose xa realizado na Coruña, Ferrol, Carballo, Santiago e estando previstas as de Arteixo para o día 29 de decembro e na cidade de Lugo para o día 19 de xaneiro.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña