02:26 Martes, 12 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-12-2010

Alemaña e Inglaterra están enleando, enturbando e enrarecendo o diálogo, a relación e a compenetración de Portugal e o Estado español

Europa

Valorar (36)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Hai uns días Mario Soares despachábase nun xornal madrileño facendo unha chamada aos gobernos español e portugués a plantárense na Unión Europea. Para o ex primeiro ministro e expresidente de Portugal o que está a acontecer é a imposición dunha política económica, ditada pola Comisión e o Banco Central Europeo, ao servizo de Alemaña e Franza, de consecuencias catastróficas para as sociedades dos dous Estados da Península Ibérica. Segundo o seu criterio, tal política é, ademais, antagónica coa idea de unidade, fundamentada en valores democráticos e dereitos humanos compartidos, ao limitarse a unha groseira e descarnada versión mercantilista onde a desigualdade é a norma e o proveito unilateral e egoísta, o faro, a guía.

Naturalmente, Mario Soares facía a súa imprecación desde o seu europeísmo ideal, o que o levou a abrazar con entusiasmo, no seu momento, a adhesión do seu país á Comunidade Económica Europea. Lembremos que foi o mesmo ano que o "Reino de España", 1986, con solemnes actos protocolarios, primeiro en Lisboa, e ao día seguinte en Madrid. Agora Soares ven recoñecer, de forma implícita, que os anos transcorridos non serviron para as relacións de unidade e axuda mutua dos dous Estados ibéricos afondárense, como veciños con consciencia de constituíren un espazo de máis de cincuenta millóns de habitantes, cun peso económico nada desdeñábel dentro da UE, alén de contaren cunha realidade cultural e lingüística plural que os relaciona con Estados emerxentes doutro lado do Atlántico. Polo contrario, alértanos de que as interferencias de Alemaña e Inglaterra, sobre todo, para enlearen, enturbaren e enrareceren o diálogo, a relación e a compenetración de Portugal e o Estado español, non son cuestión do pasado, senón que seguen activas no presente.

Con tal conxuntura, Mario Soares confésase patriota, en canto portugués, iberista, en canto á relación peninsular, e europeísta, en canto ao proxecto global. Non é que pretenda tomar como modelo de nada a Mario Soares, un home con máis sombras que luces no seu pasado, precisamente no exercicio do patriotismo, queremos dicir, na defensa da soberanía de Portugal e da súa dignidade. Mais, por iso mesmo, as súas reflexións, a súa confesión, resultan agora moi reveladoras. Hai un grave problema, nos momentos actuais, de dependencia, de subordinación aos ditados do exterior. Estánse a aceptar deseños tan abertamente marxinadores, discriminatorios, desiguais e oligárquicos, que urxe reaxirmos, recobrarmos a conciencia e a dignidade da nosa responsabilidade e capacidade de decisión, hoxe anestesiadas por unha submisión suicida. É tamén sintomático que o entusiasta globalizador do pasado invoque agora a necesidade dos procesos de unidade comezaren polos máis próximos e como relación de igualdade, para seren beneficiosos e realmente democráticos. Non parece ilóxico que sexa en Portugal onde comece a aparecer, no campo da política, a expresión definitoria "esquerda patriótica", nas actuais circunstancias. Non precisamente emitida desde o PS, senón desde aqueles que representan unha alternativa a favor das maiorías e, polo tanto, da urxente necesidade do país contar con capacidade de decisión.

Para os galegos e galegas que somos nacionalistas e que nunca acreditamos no deseño da UE, por seren profundamente antidemocráticos, xerárquicos e desiguais, como o é a globalización en marcha, as palabras de Soares deitan luz sobre a necesidade dun maior esforzo de compenetración e de relación entre Galiza e Portugal, nada favorecida, en termos sociais, culturais e lingüísticos, polo proceso de integración na Europa comunitaria. España sempre veu nesta posibilidade un perigo, un problema, algo indesexado. A súa política alimenta vivirmos de costas galegos e portugueses, cavar unha profunda fronteira psicolóxica, cultural e política entre nós. É unha forma de reforzar a nosa negación como pobo diferente, con capacidade e intereses propios.

Non me cabe a menor dúbida de que un dos elementos básicos para sociedade galega, en especial, e para a portuguesa (seguramente as outras nacións peninsulares tamén) teren un futuro distinto ao do deseño oligárquico tan pouco prometedor, está en superar unha barreira mental construída nos trinta últimos anos: a idea de que a UE, o europeísmo, é a pedra filosofal do benestar, o anxo libertador da miseria, a vacina fronte aos peores agoiros dun futuro incerto... Hoxe por hoxe é máis ben o contrario. Para Galiza veno sendo, de forma narcótica, desde o inicio. Súmenos nunha resignación, nunha impotencia, propias de quen interioriza que non vale nin ten capacidade nin desexa responsabilizarse. Así a espiral do deterioro está garantida, o que nos levará a sufrir a curto prazo sen albiscarmos un futuro diferente. Os males son profundos. A súa orixe está nun deseño, alegre e irresponsabelmente vendido, entre outros por gobernantes tipo Soares, como fuxida dos males do mundo. O único que logramos é que os males esconxurados supersticiosamente aparezan agora na porta da casa, sen ánimo para escorrentalos racionalmente...

Síntome, como sempre, patriota galego. Tamén iberista no recto entender: a constitución dunha Unión de Repúblicas Libres da Península Ibérica. Permítaseme rexeitar o deseño, o proceso de execución e a finalidade do proxecto da UE, como configuración dunha globalidade antidemocrática, xerarquizante, descaradamente plutocrática e, en consecuencia, agresiva cos dereitos nacionais dos pobos de Europa, concretamente da súa periferia...


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña