09:04 Venres, 30 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-12-2010

Nestas últimas semanas está a ter lugar nos medios e en internet un acendido debate sobre as estratexias do activismo lingüístico

Relatorios e polémicas

Valorar (18)

IRIA TAIBO CORSANEGO



Nestas últimas semanas está a ter lugar nos medios e en internet un acendido debate sobre as estratexias do activismo lingüístico. Refírome, claro, á polémica que ten suscitado o relatorio elaborado por Henrique Monteagudo coa colaboración de Antón Reixa para o Instituto Galego de Estudos Autonómicos (IGEA).

Debo recoñecer que o debate está a adquirir un cariz que desde o meu punto de vista contén varios perigos, pois coloca como inimigos a dous sectores que a priori defenden o mesmo: a lingua galega. Ademais de que ten outra "virtude": a de contribuír a crear máis confusión en xeral sobre este tema e afear a imaxe da nosa lingua como elemento integrador.

A respecto do primeiro deses temores seguramente deberiamos reflexionar todos os participantes nesta discusión, mais penso que en primeiro lugar sería bo que o fixesen os autores do relatorio, por teren sido os iniciadores do tal debate. Sen dúbida, parto da base de que a intención e a motivación do relatorio son construtivas e positivas, mais considero que de algún xeito poden ser algo inocentes a respecto da pertinencia estratéxica de colocar a cuestión nese tempo e forma. Vexo inocente pensar que un relatorio que reparte culpas, responsabilidades, acertos e erros nos demais, nun tema tan sensíbel como este, non fose crear reticencias e opinións encontradas. Antes de deixar esta frase no artigo obrigueime a min mesma a pensar que tería sucedido se outro sector dos implicados neste debate tivese posto en marcha un discurso en termos semellantes. Máis que nada, porque o papel de "repartidor" é auto outorgado.

En absoluto con isto estou dicindo que non sexa positivo falar, debater, repensar, estudar estratexias a respecto deste tema. Son a primeira na lista das que pensan que autocuestionarse, dunha forma madura e sen autoflaxelacións, é unha das cousas máis saudábeis do mundo, porque considero que é imprescindíbel ser consciente dun mesmo, tanto individual como colectivamente. Tampouco creo que haxa ninguén, nin neste tema nin en ningún outro, que actúe dun xeito perfecto, sen erros ou actitudes corrixíbeis. Mais quizais estea aí precisamente a clave do problema. Para podermos levar a cabo esa análise sobre erros e acertos precisamos pensar nas dúas caras da moeda, non só na que nos bota enriba os males do universo. Neste caso, paréceme manifestamente inxusto culpabilizar dos problemas actuais do galego precisamente a quen máis o defende.

Outro dos puntos polémicos do relatorio é o chamado bilingüismo restitutivo. Efectivamente, en Galiza conviven dúas linguas, mais non parece saudábel alleármonos da incontestábel situación privilexiada do castelán sobre o galego. Porén, se consideramos que esa situación non é a desexábel (que estou segura de que os relatores concordan comigo niso), algo haberá que facer para pór remedio. Non se trata de que quen di isto considere as linguas en si mesmas como inimigas, menos aínda os falantes, senón a volta á reclamación dos dereitos básicos, á que nos obriga, non esquezamos, o retroceso para o galego que emprendeu o goberno actual. Calquera castelán falante con sensibilidade sobre esta materia pode concordar niso, polo que non lle vexo a utilidade práctica a renunciarmos nós.

Por último, non será perigoso aumentarmos a confusión social a respecto dos consensos mínimos en relación co galego? Se concordamos todos en que a situación da nosa lingua non é en absoluto a ideal e pensamos que aínda hai moito por facer, todas e todas podemos entender e apoiar o traballo de calquera que poña en marcha iniciativas con ese obxectivo. De non facelo así, seguramente estaremos contribuíndo a estragar a imaxe da nosa lingua, como lingua que desune e complica a vida das persoas e os colectivos.

Non esquezamos que o número de persoas que seguen este tipo de debates (á marxe das polémicas, que con certeza suscitan moito máis interese) é bastante reducido, mais ao amplificalos facémolo con todas as consecuencias, obrigando a novos espectadores a ver como non só non nos damos posto de acordo, senón como non respectamos a visión do que non opina como nós e sacamos o cainismo a relucir á primeira de cambio. Non creo que os traumas organizativos de cada un de nós fagan ningún ben á normalización da lingua galega, que ao cabo era o obxectivo polo que comezara este asunto.


[23-12-2010 17:06] Eu comentou:

Pois se cadra é mellor non darlle tanta importancia, si, pero entre descalificación e descalificación a Monteagudo escapóuselle que o seu verdadeiro obxectivo era abrir unha fenda na unidade a favor do idioma, cambiar a política do nacionalismo, e non hai máis que ver que rápido o quixeron usar PP e PSOE...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña