08:34 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-12-2010

Primeiro brillou como economista, posteriormente como novelista, e o máis importante: na súa madurez alcanzou a sabedoría

O pensamento humanista de José Luis Sampedro

Valorar (16)

MANUEL LÓPEZ FOXO


José Luis Sampedro


Viviu en Tánxer até os trece anos plenamente feliz, nunha cidade moderna e internacional na que convivían varias civilizacións, diversas linguas, diferentes moedas e tres relixións. Aquel rico universo conformouno xa para sempre como un ser fronteirizo e receptivo á diversidade cultural. Daquela cosmópole da súa infancia nútrese tamén aínda hoxe o pensamento deste prestixioso economista e escritor de novelas mundo que no albor dos cen anos segue amando apaixonadamente a vida, defendendo que hai que reinventar a democracia e proclamando ben en alto que estamos asistindo ao ocaso do capitalismo ou que Occidente é moi rico en ciencia e moi pobre en sabedoría.

A vida levouno a ser funcionario e científico porque tiña que gañar un soldo e ter un traballo, mais José Luis Sampedro confésase sobre todo artista, escritor por necesidade vital, aínda que se puidese escoller sería músico, seguramente un extraordinario pianista, seguindo os pasos de Chopin, o seu compositor favorito. As súas orixes familiares están enraizadas en diversas xeografías: José Luis naceu en Barcelona por casualidade, seu pai na Habana, súa nai en Arxelia e os seus avós proviñan de Manila, Lugano, Orihuela e Santo Domingo de la Calzada. Un seu avó suicidouse tirándose ao mar, vencido pola incurábel enfermidade que o destruía, e o outro seu avó, Sampedro Parada, está enterrado en Betanzos. Mediterráneo por afectos e por cultura, sabio, con gran sentido do humor e unha memoria proverbial, afervoado admirador de San Juan de la Cruz, buscou sempre a soidade para falar con el mesmo, vitalista, libertario e alérxico ao poder, "porque o poder alonxa das cousas máis vitais e necesarias para o ser humano", libre e solidario, coa utopía sempre no horizonte, diáfano, próximo, narrativo, de conversa áxil e ideas torrenciais, coa cordialidade do corazón e o brillo da lucidez en cada palabra.

Xubilado desde 1984, José Luis Sampedro seguiu poñendo cátedra a través da súa obra, das súas novelas, ensaios e libros de conversas, das súas conferencias e entrevistas nos máis diversos medios. E aí continúa, nutríndose das raíces, do sagrado e do profundo, coas goteiras propias de quen vai cumprir en breves días 94 anos, pero lúcido e sedutor como nos seus tempos de catedrático de Estrutura Económica na Universidade Complutense, e aínda que xa non se ergue ás catro e media da mañá para escribir, madruga cada día porque é moi consciente de que cada novo día, á súa idade, é para el o seu futuro. Vive sen televisión, sen internet e escribindo a man, levando sempre consigo un caderniño, o seu ordenador de peto, di el, mais a súa mente é o xardín no que medra e florece vizosa a sabedoría, o verbo que nos fai pensar, nos ilumina, nos seduce e nos humaniza. Unha das súas teimas é lograr cambiarlle a Descartes a súa famosa frase "penso, logo existo" e deixala en "sinto, logo existo". A súa pedagoxía é moi simple: amar aos alumnos e provocar o pensamento, nunca adoutrinar. Con el aprendemos a practicar a tolerancia mutua e o respecto polos demais, a intentar ser humildes como San Francisco de Asís, un dos poucos santos que de verdade lle interesa, e aprendemos tamén a saber que vivir é moito máis importante que consumir e que o esencial da vida son as emocións. Repite constantemente que temos que buscar a iluminación no interior de nós fronte ao abraio que produce o éxito, o diñeiro ou o poder, e non deixa de recordarnos que é necesario que defendamos sempre os principios básicos da civilización: a xustiza social e a dignidade e a liberdade do ser humano. Ideas expresadas unha e outra vez en brillante literatura ou simplemente en centos de páxinas de pensamento lúcido e profundo, radical e transgresor: "Ah, pero vivimos nunha democracia?", pregunta en voz alta o vello profesor, noutrora vicepresidente da Fundación Banco Exterior de España, asesor do Ministerio de Facenda, senador por designación real nas Cortes da Transición -onde defendeu a inclusión do dereito de Autodeterminación no texto constitucional- e desde 1990 membro da Real Academia Española.

José Luis Sampedro foi coñecido no territorio peninsular e mesmo internacionalmente como economista moito antes que como escritor, aínda que foi escritor antes que economista. A primeira novela rematouna de escribir aos 23 anos, en 1940, a cátedra de Estrutura Económica gañouna en 1955 e non empezou a ser coñecido como novelista até Octubre, Octubre, en 1981. Durante corenta anos escribiu diariamente, sen que o seu nome figurase en ningunha listaxe de libros máis vendidos. En realidade José Luis Sampedro naceu á literatura na súa adolescencia, namorándose de Aranjuez, contemplando marabillado o cambio das estacións, sobre todo o tempo outonal, os cultivos da veiga e as poderosas augas do río Teixo, así como o esplendor dos palacios e a beleza dos xardíns con aquelas árbores centenarias semellantes a deuses. Aranjuez representa o seu Paraíso, o seu Edén soñado. Aí imaxinouse por primeira vez escritor. Desas vivencias intensas da súa adolescencia nace o escritor José Luis Sampedro e nacen novelas como El río que nos lleva e Real Sitio. Desde entón xa nunca abandonaría a literatura.

Neses tempos escuros da posguerra foi un creador constante, paciente, tenaz, un escritor que se erguía a media noite para facer literatura antes de ir para a oficina do Banco Exterior de España ou para a universidade. Escribe para vivir. E faino desde dentro, desde a autenticidade, desde a vivencia, convencido de que o escritor verdadeiro escribe coa súa carne, co seu sangue, coa súa medula,  e sempre co tema da dignidade humana como unha constante ao longo de toda a súa obra. José Luis Sampedro, por outra parte, traballa a documentación de todas as súas novelas até o último detalle. Abonda dicir que antes de escribir El río que nos lleva, por exemplo, calcou a papel vexetal máis de oito metros de mapas e pasou nove anos documentando a novela, ou lembrar que á obra que o situou entre os mellores novelistas do século XX, Octubre, Octubre, dedicoulle dezanove anos e mesmo fixo catro versións diferentes da novela. Cando a rematou, os folios, colocados un enriba do outro, medían un metro e 26 centímetros. Cómpre sinalar igualmente que a todos os personaxes das súas obras lles fai unha biografía completa, aínda que logo só aparezan no texto abrindo unha porta. Ese método de traballo é o que lle permite escribir un libro como La sonrisa etrusca sen ter viaxado previamente a Milán, ou  recrear marabillosamente historias do Exipto do século III  despois de Cristo en La vieja sirena ou o Aranjuez de Carlos IV en Real Sitio. É un gozo ver a José Luis deixándose levar pola curiosidade, visibelmente entusiasmado, e sacando de inmediato do peto o seu caderniño para tomar nota do cura-reloxeiro de Ladrido ou da asombrosa historia dunha laranxeira hermafrodita que florece e dá froito nun pazo de Santa Marta de Ortigueira.

Mais este artigo avanza cara ao final e aínda non falamos da súa obra como pensador. Non temos nós autoridade académica para abordar a importancia dos seus textos como brillante teórico da ciencia social denominada economía, algúns deles traducidos a diversos idiomas e materia de estudo en moitas universidades. Que economista non coñece, por exemplo, títulos como Las fuerzas económicas de nuestro tiempo ou Estructura económica? Diso si podería falar con rigor e profundidade Xosé Manuel Beiras, que ademais é un vello amigo de José Luis Sampedro desde os tempos nos que o profesor compostelán opositou á cátedra. Cónstame, por outra parte, que o aprecio é mutuo e que os dous senten unha grande admiración un polo outro. Nós aquí só queremos convidar os lectores e as lectoras deste medio dixital a adentrarse no seu pensamento a través dun texto tan luminoso como é o seu discurso de ingreso na Real Academia Española (Desde la frontera) ou a través de libros imprescindíbeis para o exercicio da mente como Economía humanista. Algo más que cifras, El mercado y la globalización, Los mongoles en Bagdad, La escritura necesaria, Escribir es vivir ou La ciencia y la vida, este último froito das conversas do escritor con Valentín Fuster e Olga Lucas. Toda esta obra de raíz e expresión filosófica recolle a sabedoría humanista dun home que na súa madurez reflexiona con lucidez e valentía sobre o proceso creativo, sobre a vida e a morte ou sobre a ciencia e os graves problemas da sociedade actual, sobre o sistema educativo, a globalización, o capitalismo, o mercado ou a inmigración ou sobre a utopía como motor da historia: "Para levar un barco adiante, e iso é gobernar, -di JLS- non abonda con manexar o temón, hai que ter ao lonxe unha estrela que nos guíe o rumbo".

Atoparemos sempre a José Luis Sampedro proclamando verdades como puños, recordándonos que a vida esixe algo máis que racionalidade, que esixe tamén espiritualidade, porque só así se pode alcanzar a sabedoría, e verémolo igualmente poñendo a súa voz ao servizo dos que buscan a liberdade interior ou dos que traballan desde a sociedade para derrubar un sistema feroz que só busca o beneficio a curto prazo e que todo o mercantiliza, mesmo os máis profundos afectos. Convencido de que o sistema capitalista acabará esboroándose e dando paso a un cambio radical na historia -aínda que sabe que el non o verá-, manifesta ilusionado que cantas máis razóns ten para o pesimismo, máis motivos ten para a esperanza. José Luis Sampedro: un universo de literatura, ciencia e sabedoría.


[23-12-2010 09:52] Ceive comentou:

Precioso artigo sobre un irrepetible personaxe. Parabéns ao autor.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña