12:24 Domingo, 08 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-12-2010

Premia unha idea pouco respectuosa

O concurso para destinar o cuartel de San Fernando de Lugo para centro de romanización

Valorar (6)

ADOLFO DE ABEL VILELA


Cuartel de San Fernando (Lugo)


No mes de marzo escribía sobre o novo destino do Cuartel de San Fernando de Lugo, que logo de se salvar da destrución parcial ao querer incrustar nel outro edificio para destinalo a un auditorio, a intervención de ICOMOS fixo que se desistise de tal aberración, que no seu momento denunciamos algúns particulares e colectivos culturais.

En febreiro de 1999, o BNG pediu no Parlamento de Galicia que o edificio fose declarado BIC para evitar a súa derriba, pero non se fixo. Houbo que agardar ao Goberno bipartito para que Felipe Arias Vilas, director xeral de Patrimonio Cultural, iniciase os trámites para destinar o edificio a Centro de Interpretación e Museo da Romanización de Galicia, dentro da Rede de Patrimonio Arqueolóxico, e declaralo BIC coa categoría de Monumento, o que tivo efecto por decreto do 9 de xullo de 2009, polo actual Goberno que tamén convocou o concurso de ideas para rehabilitalo. Ao concurso concorreron setenta propostas gañando a presentada polos arquitectos madrileños Pedro Colón de Carbajal e Raquel Buj García. Pero o fallo do concurso, non pode se máis desconcertante xa que se premiou unha idea que elimina a maior parte dos forxados da planta primeira e do baixo cuberta, derruba muros interiores e abre portas exteriores onde agora hai ventás.

Cometer o mesmo erro

O erro do proxecto do auditorio en San Fernando, fixo que se demorase a construcción e que doce anos despois aínda non se comezase a obra noutro lugar. Agora a Consellería de Cultura volve a cometer o mesmo erro.

En 1998 o Concello chegou a un acordo co Ministerio de Defensa para adquirir o cuartel para instalar un centro cultural e un auditorio. Convocouse un concurso de ideas ao que se presentaron once proxectos, gañando o do arquitecto lucense Marcos Parga Prado. Díxose que o proxecto era moi respectuoso co edificio pero non era verdade, por que  cortaba a parte central da nave oeste para inserir un cubo de cristal. Recorríase ao efecto espello para completar visualmente o patio.

Nunha xustificación truculenta dicíase que coa desaparición desta parte recuperábase a primitiva planta en U do edificio. Era unha verdade a medias. O edificio de planta rectangular cun patio central, non se terminou por razóns económicas ata 1865, quedando o patio aberto cara ao sur. O arquitecto abríao cara ao oeste.

O edificio estaba protexido polo Pepri con nivel de catalogación 2, correspondente a edificios singulares e de elevado valor arquitectónico, histórico e cultural, impedindo en teoría a actuación que se propuña, pero no interior deixábase a posibilidade de eliminar o edificio, ao especificarse que esa unidade de actuación deberíase dedicar a dotación cultural "coa conservación ou non" do edificio.

Presentado un recurso

É frecuente ver con desalento e certa indignación a manga ancha que as administracións teñen para as intervencións nos seus edificios, permitíndose o que nunca lle consentirían a un particular. O 16 de xuño deste ano coñecíase a proposta gañadora sinalando o xurado que "as actuacións propostas introdúcense no edificio dunha forma sutil e delicada". Unha vez máis agáchannos a realidade con palabras rimbombantes, pois ao  examinar a proposta vemos que unha vez máis a destrución disimúlase con coidada  literatura.

Elimínanse os forxados de madeira da primeira planta e do baixo cuberta na parte do edificio destinada a exposición, e coa mesma desenvoltura elimínanse muros e ábrense portas onde hai fiestras, o que está en contradición co que di para os BIC o artigo 39 da Lei do patrimonio Cultural de Galicia de 1995: "se respectaran as súas características esenciais e se conservarán as características volumétricas e espaciais definidoras do inmoble".

Pero ademais nos criterios de intervención do concurso recórdase que é obrigatorio para intervir no edificio, que a adecuación ao novo uso se subordine "a salvagarda dos valores que fundamentaron a declaración de BIC", e entre estes valores o decreto de declaración recolle "a conservación da estrutura e da organización espacial proxectada orixinalmente".a pesar de ter transcorridos 225 anos.

Como os BIC gozan da máxima protección e tutela, e a intervención neles queda subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación, entendemos que o xurado escolleu unha proposta que non cumpre nin coa lei de Patrimonio, nin co decreto de declaración de BIC, nin coas bases do concurso.

O  estudio de arquitectura GAU que se presentou ao o concurso, recorreuno, pero a Consellería non quixo entrar no asunto alegando un defecto administrativo, xa que o presentaron no rexistro da Subdelegación do Goberno e segundo dixeron tiña que ser presentado no da Xunta. Pero o curioso é que varios membros do xurado negáronse a responder ás preguntas dos medios informativos, e algún que o fixo, como José Ignacio García Pedrosa, deu unha visión moi particular das intervencións que se poden facer nun BIC, afirmando que os muros interiores e os forxados non é obrigatorio mantelos. Pero os recorrentes consideran que sí, e presentaron un recurso diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A ver por onde sae.


[13-12-2010 10:47] MNAUEL comentou:

So quixera facer unha pequena acalración ao contido deste artigo.
O recurso non foi presentado por gAU no TSXG, quenes o fixeron foron catro arquitectos a título persoal, dos que algún nada tén que ver con este estudio de arquitectura, Os impulsores do recurso son os catro componetes do euipo que co lema "MVRO" se presentou ao concurso.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña