19:41 Martes, 12 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-12-2010

A importancia de contar con soberanía política

A recente reforma da Seguridade Social

Valorar (13)

DAVID PENA DÍAZ



Recentemente, a consecuencia da reforma laboral do goberno español, saía publicada no BOE unha resolución segundo a cal os médicos do Instituto Nacional da Seguridade Social -INSS- e do Instituto Social da Mariña -ISM- poderán emitir altas médicas a todos os efectos durante o primeiro ano dun proceso de incapacidade temporal, mentres que anteriormente, durante o primeiro ano da baixa laboral, eran os médicos do SERGAS -para o caso de Galiza- quen expedían a alta médica, mentres que os médicos do INSS o do ISM só podían comunicar intencións ou propostas de alta.

Segundo a resolución, xa en vigor desde a pasada semana, cando a alta tivese sido expedida por facultativos do INSS o do ISM, estas entidades serán as únicas competentes, a través dos seus propios médicos, para emitir unha nova baixa médica pola mesma ou similar patoloxía se se produce no prazo dos 180 días seguintes á devandita alta médica.

Esta resolución, como dicimos, deriva da recente reforma laboral e vai encamiñada a que o INSS e o ISM, a través dos seus inspectores médicos, asuman as competencias para emitir altas e baixas médicas en determinados supostos, algo que até o momento, neste concreto caso, só podían realizar os e as médicos do SERGAS.

Atopámonos, pois, ante unha nova arremetida contra os dereitos dos traballadores e traballadoras mais tamén ante un sutil intento de invadir competencias que ata o momento estaban en mans do SERGAS. E falamos de atentado contra os traballadores e as traballadoras por canto que baixo o falaz argumento gobernamental de que esta medida obedece a mellorar e modernizar o proceso de control das baixas laborais e suporá  un aforro de tempo e de trámites e un control por parte de médicos especializados en patoloxías relacionadas co traballo, o que se agocha realmente é unha deshumanización do trato ao traballador doente, que pode pasar a depender non do seu médico de cabeceira, co que ten trato directo e que coñece o seu historial clínico, senón dun médico burocratizado que unicamente pretende fiscalizar e controlar se a alta é ou non fraudulenta, situando así "a priori" ao traballador en situación de incapacidade temporal baixo sospeita e achegándose á figura dos médicos das mutuas, máis preocupados, as máis das veces, de emitir altas para favorecer ás empresas que de velar pola seguridade dos traballadores e traballadoras.

Mais en calquera caso non era nin é o propósito do artigo facer unha análise desta reforma, senón chamar a atención sobre o feito de que esta medida é de aplicación en todo o estado español agás en Cataluña, ao ter a Generalitat transferidas as competencias en materia de incapacidade temporal. Pretende polo tanto este artigo exemplificar o importante que é contar con competencias plenas e soberanía política para, neste caso, poder protexer os dereitos das a dos traballadores.  Eis un exemplo concreto, práctico e real da importancia e da necesidade de sermos soberanos.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña