22:57 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-12-2010

Non é un debate máis. É un dos debates políticos máis importantes que se poden dar hoxe en Galiza

D.E.P.UTACIÓNS: Descansen En Paz

Valorar (22)

RUBÉN CELA DÍAZ



Estes días estase a falar moito da proposta de Área Metropolitana de Vigo realizada pola Xunta de Galiza. A todas luces un despropósito. Proponse crear unha nova administración sen entidade xurídica propia, que se suma as existentes sen substituír a ningunha e financiada basicamente polos Concellos que a compoñen.

O Sr. Feixóo abdica da súa condición de máximo responsábel do goberno galego e só intenta pasarlle a pelota aos concellos integrantes desa futuríbel área metropolitana, para que sexan eles quen a rematen rexeitando (ao ser unhas condicións inasumíbeis) e así, o PP poder sacar de diante unha pataca quente, dicindo que a culpa de que non haxa área metropolitana en Vigo non é da Xunta, senón dos Concellos.

Este é un debate absolutamente imprescindíbel porque é necesario ter unha arquitectura institucional o máis aproximada á realidade histórica, política, económica e social do país, pero tamén porque na actual situación de grave crise económica o actual modelo de 315 Concellos tal e como estan configurados e financiados hoxe é insostíbel no tempo. Non é un debate máis. É un dos debates políticos máis importantes que se poden dar hoxe en Galiza.

Concello, Deputación Provincial, Xunta de Galiza, Estado español, Unión Europea... e agora Área Metropolitana. Non ten ningún sentido abordar a creación dunha nova estrutura supramunicipal, sen abordar previamente a eliminación doutra. Neste caso, é evidente que as miradas se centran no papel das Deputacións Provinciais. É imprescindíbel clarificar o seu futuro canto antes. Só así será posíbel repensar a estrutura xurídico-política interna do noso país.

Deputación provincial: Unha institución anacrónica 

A división provincial do estado español nace en 1833 e respondeu a unha visión totalmente centralista do mesmo, similar ao modelo departamental francés. Con este novo instrumento reforzábase o poder central a través dunha rede provincial con centro e cerebro en Madrid que exerceu o seu control político sobre as provincias perseguindo unha aplicación homoxénea da política emanada dese poder central.

Coa aprobación da Constitución española en 1978 non se dá solución ao recoñecemento de Galiza, Euskadi e Cataluña como nacións e conságrase o chamado "café para todos" mediante unha descentralización administrativa periférica mediante o sistema de CC.AA. e ao tempo mantendo un dos elementos dun sistema aínda máis centralizado como o son as provincias. Refírese a Constitución ás provincias como entidade local que goza de autonomía para xestión dos seus intereses. Sen embargo, non precisa cales son eses "intereses" nin tampouco as competencias que a provincia ten que ter para atendelos.

Posteriormente, a normativa básica en materia de réxime local supuxo unha regulación exhaustiva que impediu unha adaptación á realidade de cada territorio do estado, salvo nos casos forais e insulares. Óptase pois, por un réxime provincial uniforme, sen posibilidades de adaptación por parte das CC.AA. ao seu deseño institucional.

O modelo de Deputacións Provinciais, conceptualmente é incompatíbel cun modelo baseado na descentralización e o reparto competencial entre o poder do estado e a as Comunidades Autónomas. Trátase de institucións anacrónicas, disfuncionais, que xeran duplicidades, maiores custos e dificultades administrativas aos cidadáns e aos Concellos. Son, dalgún xeito, un intermediario que non aportan ningún valor, nunha "cadea de produción política-administrativa".

Outra característica propia das Deputacións, amplamente cuestionada, é que sexan  órganos de elección indirecta. As deputadas e deputados provinciais non se elixen directamente, senón que a composición do seu pleno se realiza a partires dos resultados das eleccións municipais en cada provincia. O número de deputados e deputadas do pleno da Deputación Provincial depende do número de habitantes da provincia. Ese número de deputados repártese entre os diferentes partidos xudiciais no que se divide a provincia. Súmanse os votos dos diferentes partidos con representación nos Concellos dese partido xudicial (se nun concello non chegas a obter representación, os votos recibidos nese concello "pérdense" a efectos da Deputación). Posteriormente serán os partidos políticos que escollerán aos deputados e deputadas de entre os seus concelleiros e concelleiras electas en cada un dese partidos xudiciais.

As deputacións galegas hoxe

As Deputacións galegas téñense caracterizado polo incumprimento sistemático do seu núcleo compentencial básico: a coordinación dos servizos municipais e a asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica aos concellos de menor capacidade económica de xestión. Non son eu que di isto -que tamén-, senón o propio Consello de Contas. As Deputacións terían que ter en teoría unha acción preferencial de cara as poboacións de menos de vinte mil habitantes pero, na práctica, unha parte importante dos orzamentos vai cara os grandes núcleos de poboación, ou cara ao financiamento de actividades que pouco -ou nada- teñen que ver cos seus cometidos.

As catro Deputacións galegas terán un orzamento conxunto de 472 millóns de euros para 2011 (62,2 millóns menos que en 2010). Boa parte deste orzamento dedícase a persoal e gasto corrente. Aproximadamente o 60% do orzamento das Deputacións se destina a gasto corrente. Só en torno ao 9% do seu orzamento se dedica a transferencias de capital aos concellos. No caso da de Ourense -por exemplo-, Baltar adica o 66% a gasto corrente (hai moito persoal que manter...).

Unha parte importante da poboación galega ten unha mala imaxe das Deputacións gañada a pulso ao longo dos anos. No mellor dos casos, vense coma unha institución inútil que fundamentalmente funciona como cemiterio de alcaldes, concelleiros, deputados (algo similar pasa co Senado), para premiar ou castiga en clave interna dos partidos políticos. Pero na maioría dos casos, a crítica vai máis alá, porque a experiencia histórica apunta a importantes abusos e á impunidade de quen os comete, amparados por un sistema de elección que dilúe as responsabilidades políticas. Caciquismo, nepotismo, usos persoais e/ou partidistas dos fondos públicos son algunhas das valoracións de moitos galegos e galegas á hora de pensar na actuación ao longo de anos de personaxes como Cacharro, Baltar ou Louzán.

O apoio do PP e o PSOE ao modelo de deputacións

A posición do Partido Popular é de claro apoio ao modelo das Deputacións Provinciais. O PSOE xoga a marear a perdiz, pero ao final está clara a coincidencia estratéxica co PP. Algún dirixente do PSOE (os menos) din que hai que suprimir as Deputacións. Os presidentes das Deputacións de Lugo e Coruña, ambos do PSOE, din que son unhas administracións imprescindíbeis. Outros din que hai que meditar. O PSC en Cataluña aposta polas Veguerías o PSdG polas provincias... en calquera caso, a posición oficial e práctica do PSOE, aquí e en Madrid, é clara: apoio ao modelo das Deputacións Provinciais. As razóns que levan ao PP e ao PSOE a apoiar ás Deputacións pouco -ou nada- teñen que ver coa funcionalidade e sentido das mesmas. As razóns son máis ben doutro tipo.

En primeiro lugar, coinciden plenamente coa concepción unitaria e centralista do estado español. Nun momento onde o nacionalismo galego, vasco e catalán xogan un papel determinante na política presente e futura do estado español, ceder na supresión das Deputacións é ratificar unha das demandas históricas do nacionalismo, cousa que non pensan facer voluntariamente.

En segundo lugar, porque son moi lucrativas e funcionan -en moitas ocasións- como parcelas privadas dos "baróns" provinciais dos partidos estatais, que empregaron até o de agora, en innumerábeis ocasións, unha institución como se fose unha empresa privada da súa propiedade (non hai que remontarse moito no tempo para lembrar o uso da Deputación de Ourense por parte de Baltar, no proceso interno de elección de presidente provincial do PP ourensán, que remataría coa vitoria de Baltar Júnior).

Hai alternativa: As comarcas

As provincias e as institucións provinciais, sempre encaixaron a calzador na configuración do estado, cunha inserción artificial no territorio, deixando de lado outras realidades territoriais con maior cohesión como é o caso das nosas comarcas.

Non son épocas de medias tintas. Non hai posibilidade de modificar o papel das Deputacións. Só cabe falar da súa supresión. A reforma constitucional é posíbel e necesaria (evidentemente non só para disolver as provinciais). No caso de que esa reforma constitucional non fose viábel no curto prazo, pódense dar xa importantes pasos mediante o baleirado das súas competencias, como se ven de facer no caso de Cataluña que, mediante a súa Lei de Veguerías, as Deputacións Provincias serán substituídas na práctica polos Cosells de Veguería despois das vindeiras eleccións municipais de 2011.

A Constitución española define a provincia como unha entidade local con personalidade xurídica propia, determinada pola agrupación de municipios e división territorial para o cumprimento das actividades do Estado. No propio texto constitucional determínase que  calquera alteración dos límites provinciais tería que ser aprobada pola Cortes Xerais mediante Lei Orgánica. Sen embargo, o texto constitucional di que o goberno da provincia estará encomendado ás Deputacións ou outras Corporacións de carácter representativo, chegando a recoller a posibilidade de  crear agrupacións de municipios diferentes á provincia. Polo tanto, existe unha vía evidente de traballo neste último sentido: sen suprimir formalmente a Deputación, na práctica facela desaparecer.

Unha das demandas históricas do nacionalismo é a supresión das deputacións como entidade xurídica mediante a disolución destas administracións e asunción das súas competencias por parte da Xunta, as Comarcas e/ou os Concellos ao igual que o seu orzamento e persoal. Evitariamos duplicidades. Maior eficiencia. Unha arquitectura administrativas máis racional, eficaz e que responda a un servizo de calidade de cara aos cidadáns e cidadás. Nese sentido, o compañeiro Alfredo Suárez Canal defendeu unha proposición de lei, presentada polo BNG no Parlamento Galego para modificar a actual Lei de Bases de Réxime Local nese sentido. Francisco Jorquera no Congreso dos Deputados, presentou unha Proposición de Lei do BNG para modificar as bases de réxime local, para que foran as CC.AA. quen artellen e ensamblen as entidades provinciais na súa estrutura institucional e posibilitar así, non só maiores niveis de eficacia na acción administrativa, senón tamén unha utilización máis racional dos recursos públicos.

Se mañá desapareceran as Deputacións a inmensa maioría da poboación nin se decataría. Sintomático da súa utilidade. Pero si que notariamos un país mellor vertebrado, cunhas institucións máis próximas aos cidadáns e aos propios Concellos. Un país organizado comarcalmente. Comarcas con personalidade xurídica propia, con finanzamento e persoal. Comarcas como unión de Concellos, que teñen unha identidade territorial, económica ou social definida, que no caso das cidades galegas e os seus concellos da contorna poderíanse chamar áreas metropolitanas ou de calquera outro xeito. Unha organización territorial xenuinamente galega que posibilitaría unha maior e mellor financiación dos concellos, xuntando racionalidade e austeridade.

Sr. Feixóo, vostede sabe perfectamente que as Deputacións Provinciais no actual contexto económico de profunda crise, son un luxo asiático que non podemos soportar o conxunto dos cidadáns e das cidadás en termos económicos e un despropósito funcional.  Se de verdade quere de ser austero déixese de privatizar a nosa sanidade e de acometer tantos recurtes sociais e no plano produtivo, nin de andar a marear con propostas de áreas metropolitanas inviábeis e métalle man ás Deputacións. Todo o demais é demagoxia e falta de compromiso real co país e coa recuperación da nosa economía.


[06-12-2010 14:04] MAZAIRA comentou:

Estando de acordo en todo o que comentas. Hai untema que o millor non son capaz de enteder. Eleminemos as deputacions, de acordo. ¿ Pero deposis entendo, que dis, que se crearian uns entes chamados Comarcas, e dicir, eleminamos un pozo de chupons e creamos outros entes, tantos como comarcas ten Galiza. A verdade e que non o entendo moi ben.
Eu teño esta versión potenciemos as Comunidades que se sinten realmente Comunidades (Galiza , Euskadi e Catalunya) o resto considerensanse España. Despois eleminemos Deputacions e Concellos de menos de 3000 ciudadans. As competencias das deputacions pasarian a Xunta. Os concellos desaparecidos formarian as comarcas agregandose os xa existentes.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña