01:54 Venres, 18 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-03-2010

Lanzamos unha escolma de textos del dentro da sección de clásicos da libraría para coñecermos o corpo doutrinal do nacionalismo galego

Antón Vilar Ponte, un clásico do nacionalismo galego

Valorar (23)

Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez


Antón Vilar Ponte


A sección de clásicos da libraría do Terra e Tempo reponde ao compromiso deste medio de dar a coñecer o corpo doutrinal do nacionalismo, conscientes de que o núcleo central do noso pensamento político está nas aportacións destes autores. O descoñecemento dos mesmos, nuns casos por ocultación interesada, noutros pola dificultade de acceso aos seus textos, necesariamente impide comprender con toda a fondura o carácter emancipador do noso movemento, xera sempre confusión sobre os nosos obxectivos tácticos e estratéxicos e dificulta calquera análise de nós en clave propia.

Nin calco, nin copia, como Mariategui. O nacionalismo galego, reconstruído nos primeiros 60 e que chega até hoxe, non fixo outra cousa que rescatar o corpus teórico da pre guerra e dotalo dunha base de científica, o marxismo, tan querido, por certo, polos nosos devanceiros das Irmandades e tamén da Xeración Nos. Ou se quere máis graficamente ,tal como afirmaba Bautista Álvarez,na sesión de apertura do XII do Congreso da UPG,"se os cubanos ao lado de Marx puxeron a Martí, nos colocamos a Alfonso Castelao". Isto é o galego, ao igual que a totalidade dos movementos de liberación nacional do mundo, tomou como punto de partida aos seus clásicos, "os nosos admirados populistas", que diría Fannon.

Propoñemos entón, divulgar o pensamento dos clásicos galegos porque é o noso nutrinte ideolóxico; espallalo, na medida que nos vai permitir saber a onde imos; popularizalo, xa que é unha blindaxe fronte as tendencias a sucursalización; en definitiva familiarizalos entre os galegos e galegas de hoxe, pola súa actualidade.

O Terra e Tempo, vai seguir a ampliar a súa sección de clásicos, tanto no que ten haber coa relación de autores, como sobre todo nos textos que imos poñer a disposición dos lectores. A pesar do minguado da escolma que hoxe temos a disposición do público, isto non é unha pexa para conformarmos unha visión das súas intencións e obxectivos. O seu axir teórico non tiña motivacións ornamentais e aínda mendos academicistas, na contra partían da necesidade de darlle corpo a acción concreta. Este "modus operandi", que chega a hoxe na obra dos seus continuadores, esta directamente vinculado a vontade do movemento nacionalista de ser útil e incidir na realidade práctica.

Sometidos a dupla tensión ideoloxismo/asimilacionismo, asentaron primeiro os seus presupostos estratéxicos, para non perderse no camiño, partindo de que Galiza era unha nación, e como tal , suxeito de dereitos políticos. Combateron ao ideoloxismo, evidenciando as súas contradición entre a teoría e a práctica, e tamén  porque as propostas destes só separaban ao pobo da patria. Denunciaron os intentos de asimilación, conscientes do carácter estrutural dos problemas de Galiza, concretando unha actuación que a par de garantir avances concretos, posibilitase acumular forzas que permitise definir un novo marco de relacións co Estado que recoñecese a súa plurinacionalidade.

Sabíanse parte dun movemento político, que acadara a madurez en Lugo en 1918 segundo Castelao, pero que superaba nos seus obxectivos a biografía vital de cada un deles. Definíanse como nacionalistas até abxurar do concepto de galeguismo, se ben utilizaron a denominación como marca electoral no período republicano. Aínda así nos anos 20 e 30 recoñecíanse como nacionalistas, movemento que Otero consideraba antagónico co galeguismo; galeguismo do que había que fuxir, porque segundo o máis vello dos Vilar Ponte só creaba confusión e era a careta baixo a que se agochaban os inimigos de Galiza; nacionalismo, ao fin, porque como escribiu Víctor Casas:  "Hitler en Alemaña, Mussolini en Italia e Albiñana no Estado Español, serán imperialistas, pero nunca nacionalistas".

Apostaron por modelos organizativos que nada tiñan a ver co partido clásico, isto é de carácter frontista e pluriclasista, porque eran ás máis axeitadas a formación social galega e tamén para posibilitar a unidade do nacionalismo. Entendían a unidade como un valor en si mesmo. Unidade como diversidade no que era tanxencial, unidade sen fisuras no que era transversal. Unidade ao cabo, nun programa de mínimos concretado primeiramente no Manifesto de Lugo e posteriormente na Declaración de Principios aprobada na Asemblea de Pontevedra en 1931. Unidade que significaba renuncias nos presupostos persoais de cada un deles, unidade que non permitía saldos respecto dos dereitos de Galiza.

O nacionalismo galego ten todo un patrimonio doutrinal en bo estado hoxe agochado presto para o uso, ferrados de sapiencia dos nosos devanceiros contrastados na práctica política abandonados por descoñecemento, fanegas de experiencia acumulada que fan vellas as achegas da politoloxía de hoxe, elaboracións teóricas cheas de actualidade esquecidas por soños dunha noite de verán, elaborados co copia e pega do último berro da intelectualidade de moda. Nos como Suárez Picallo, en carta crítica a Piñeiro, afirmamos que "non é posíbel a galeguización da nosa patria se non lle achegamos aos nosos compatriotas as ensinanzas dos que nos antecederon na loita". Xa que logo, a entidade editora do Terra e Tempo, que ten como obxectivo central o estudo do nacionalismo, comprometese a traer periodicamente as súas páxinas o pensamento dos nosos clásicos.


[03-03-2010 ] Gardel comentou:

Aínda que seguín o terra e tempo desde o principio, non caera até hoxe na existencia desta sección que me parece de grande utilidade para o coñecemento dos autores chaves do pensamento nacionalista. Sí creo que hoxe é máis necesario que nunca traer a primeira liña de fogo a autores como Castelao, Boveda, Vilar Ponte ou Victor Casas, porque o.seu nível descoñecemento como decides e moi grande, e por que a día de hoxe o que non está na rede non existe para a mocidade. Ademáis gostaría reparar no debate galeguismoacionalismo que nos últimos catro ou cinco anos se puxo de moda, e o claro que o tiñan os nosos devanceiros. Non hai nen un só texto de Castelao, Boveda,Otero, Casas e Vilar Ponte na que se definan coma outra cousa que non se xa nacionalistas e que non falen deles como nacionalistas. Queda clarada.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña