09:01 Venres, 30 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-12-2010

Non hai fundación na Galiza que teña recibido tantos fondos públicos como a de Cela

Os escándalos da Fundación Camilo José Cela

Valorar (22)

ANA BELÉN PONTÓN MONDELO



A pretensión deste artigo non é a de analizar a obra ou a biografía de Camilo José Cela. A miña formación non me faculta para facer crítica literaria. A vida de Cela está ben documentada; só agardo que algún día, a historia faga xustiza a quen ten no seu curriculum un triste papel como entusiasta colaborador do réxime franquista. Este artigo nace cunha aspiración máis humilde: dar a coñecer un acordo parlamentario en relación coa escandalosa xestión económica da Fundación Camilo José Cela. Fágoo desde a constatación do desinterese dos medios galegos por difundir que o Parlamento de Galiza acordou a apertura dunha investigación para aclarar cal foi o destino dos numerosísimos fondos públicos que recibiu esta entidade desde a súa creación.

A proposta nace dunha iniciativa do BNG, elaborada desde o convencemento de que é intolerábel que as numerosas denuncias sobre desvío de fondos da Fundación Cela  fiquen desamparadas. Denuncias que indican que os fondos da mesma foron utilizados para o pagamento do secretario persoal de Cela, o chofer e persoal doméstico de Marina Castaño, pasando polo pago de salarios millonarios ao xerente da fundación (nove mil euros mensuais), a súa vivenda persoal ou o mantemento do seu iate. Nas máis de dúas décadas de existencia desta fundación, hai un regueiro de acusacións que cuestionan a xestión desta entidade. Sen embargo até a data tiñan caído en saco roto, cunha  pasmosa desidia (ou complicidade?) das institucións públicas.

Non hai fundación na Galiza que teña recibido tantos fondos públicos como a de Cela. A cifra é multimillonaria. Só neste ano, a Xunta de Galiza asinou convenios con esta fundación por valor de medio millón de euros. A crise e austeridade non se aplican neste caso. Non é comprensíbel nin presentábel un trato tan discriminatorio. No país contamos cun número importante de fundacións, que con erros e acertos, pretenden divulgar e preservar o legado de escritores e personalidades representativas da cultura galega. Todas elas malviven con raquíticas axudas públicas. Seguramente o caso máis paradigmático está na propia vila de Padrón, onde a Fundación Rosalía de Castro, malamente recibe 35.000 euros anuais.

Con todo é de celebrar o acordo que conseguimos no Parlamento de Galiza. A súa toma en consideración implica recoñecer que hai un problema, que hai materia suficiente para ter que investigar que ten pasado nestes anos cos cartos públicos destinados á  Fundación Camilo José Cela. Máxime cando o Goberno do PP, tras facerse pública a noticia de quebra económica, adoptou a decisión de continuar cos privilexios, procedendo ao seu rescate a través da súa conversión nunha fundación pública. Todo o mundo sabe que o problema orzamentario non provén de escasez de recursos, senón  dunha xestión nefasta e de dispendio dos mesmos.

Estou convencida que este trato non se lle daría a outras fundacións do país, que se deixan esmorecer aínda que iso supoña o declive do legado de personalidades representativas da nosa cultura. Hai nesta decisión un interese político claro. Por unha banda, é coñecida a boa relación de Mariña Castaño con dirixentes do PP. Pola outra, hai un uso descarado de Cela para inducir a idea de que non existe cultura galega e que o relevante é a cultura española. E neste punto, xa sabe, non escatiman esforzos e recursos.


[02-12-2010 15:07] Xil Roll comentou:

http://www.youtube.com/watch?v=PdgNZY4KF08

[02-12-2010 07:43] Eu comentou:

E todo ademais co agravante de que non pertence á literatura galega, non escribía no noso idioma.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña