13:19 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-11-2010

Posibelmente só exista sobre Rosalía de Castro un común acordo: a súa profunda honestidade

Rosalía: Un feliz descontentamento?

Valorar (170)

ANA MARÍA RÚA SOUTO



Posibelmente só exista sobre Rosalía de Castro un común acordo: a súa profunda honestidade. Tanto é así que moi escasas veces un escritor-a lograra tal identificación, tal osmose coa súa obra. De certo, mesmo entre persoas que a visitan e revisitan a cotío, non se torna doado conseguir que expresen -expresemos- ideas sobre a súa obra, senón que todos os comentarios, invaribelmente, remiten á súa persoa: aos seus rasgos caracterioloxicos; á súa forma de ser e de sentir, no mellor dos casos. En visión positiva, unha característica que ultimamente se resalta é que, ao parecer, era "contraditoria" (?).

Porén, se imos á lectura de toda a súa escrita, non atopamos máis que coherencia e fíos condutores que tronzan ou enlazan transversalmente todo o seu pensar e o seu sentir -en palabras da propia escritora-. Que acontece, pois con Rosalía? Non será, precisamente, a súa transparente sinceridade a que nos confunda aos demais mortais, decote afeitos a pórmonos diversidade de carautas para poder subsistirmos na sociedade da simulación? Será este feito o que, dalgunha forma se nos fai incómodo? É a súa perenne loita contra toda acomodación a que nos perturba, na era do pensamento cómodo?

Porque, vexamos: na lectura atenta da súa produción literaria, non se perciben fendas polas que furar... Será que coa súa clarividencia sabía que a realidade é complexa e non a podemos encerrar nun cadro sinóptico, a modo de esquema para viaxar tranquilos? Verdadeiramente, Rosalía foi unha persoa especial. A súa vida foi un esforzado camiño cara á integridade, a plenitude e a autenticidade; ao contrario dos demais mortais que tendemos ao esgazamento, a constituírmonos en pezas diversas sen elo. A nosa escritora traballou o seu construto persoal querendo unir todas as pezas. E abofé que o conseguiu; iso si, con moita dor e sufrimento.

Rosalía bebe nas fontes matrias de Galiza e, desde a maneira de ser psico-social do seu país, comprende que a realidade ten arestas; acredita nos matices, nas cores do arco da vella que percibiu, xa de nena, no contorno de esa súa/nosa Galiza natal. Rosalía acreditou na moral cristiá; por iso, odiaba os catecismos. Realmente, se o pensamos ben, Rosalía asumiu na súa totalidade esencial todo aquilo do que a alimentaron desde nena; mais de verdade. Asumiu a moral do amor ao próximo desde a asunción do propio. A autoestima, como condición necesaria para estimar os outros... Era reflexiva e autorreflexiva; escolle, xa que logo, un camiño propio para o transitar en paz e non admite facilmente inxerencias. Por iso mesmo, está disposta a ver a cara amábel dos demais, aínda a risco de desencantamento. Abre portas e deixa paso libre e pacífico aos outros. É xenerosa, mais non admite corsés. Asume a súa identidade de muller, mais oponse firmemente a determinados significados sociais limitadores da súa liberdade persoal.

Na súa consciencia da complexidade e continxencia dunha realidade que non admite receitarios, é inimiga da doutrina. Desexa o amor por riba de todo, mais desconfía do matrimonio, porque non comprende como se poden encaixar-lexislar os sentimentos. Non admite a negación da lingua galega, porque como desexar comprimir a expresión dunha particular visión colectiva do mundo? "Non matarás", dixéronlle á nena. E a nena acreditou, mais de verdade. Rosalía persegue esforzadamente o benestar común, á custa da angustia derivada da imposibilidade de controlar a suma de intereses propios dos demais. Ela sabe que a súa bola non a recollerá ninguén. Chocará contra o frontón social. De aí, a angustia. Mais, ai!, como rebelarse e non ferir? Terríbel dilema. Rosalía non é nin unívoca nin equívoca. Tampouco é contraditoria. Simplemente, busca e remexe nas contradicións sociais para saber, coñecer e artellar medios que muden o caótico en ordenado; o inharmónico en harmónico. Que ambiciosa! Rosalía escribe e escribe.

Non fai literatura sentimental; porén, non renuncia aos sentimentos; é relativista, perspectivista e pesimista, mais tamén vitalista e apaixonada. A súa lucidez condúcea á observación da realidade desde diferentes ángulos e enfoques. Comprende. Aí radica a súa debilidade. Integra a obxectividade e a subxectividade. Superpón as diferentes capas que encobren toda realidade. Esmiúza e esmigalla a materialidade para inspeccionar con minuciosidade todos os recunchos. É consciente e hipersensíbel ás condicións obxectivas que conforman a súa subxectividade e a ollada dos outros: muller-galega-casada-fidalga "decadente"-culta. Coñece ben o significado da propia instalación no mundo e, desde a comprensión do real, actúa decididamente cara á súa propia "desencriptación".

Rosalía olla e percibe o ollar dos outros, nun duplo xogo de espellos que lle revelan o camiño preciso para rebelarse ela propia e, á vez, impulsar e premer cara á liberación deses outros dunha realidade que cómpre mudar. Integra vontade e sentimento; vontade e inevitabilidade. Finalidade: a transformación da sociedade. Medio: desde os seus intersticios. Rosalía é grande porque se sabe elo dunha cadea. Escribe, escribe e escribe porque quere e porque non pode deixar de escribir (vontade-inevitabilidade, outravolta). Ela decidiu exercer a súa rebelión con todas as consecuencias -incluída a incomprensión e a posterior desfiguración do seu verdadeiro rostro-, desde a súa condición de muller e de galega ás que, en ningún caso, renunciou.

É Rosalía contraditoria ou o somos nós? É Rosalía problemática ou o somos nós? A súa lucidez era ferinte como un lóstrego. Finca os pés en terra firme e olla con delirio, como ela dicía, cara ás estrelas, moi lonxe... Ambición e imposibilidade. Demasiada carga. Peaxe: a melancolía propia de quen se sabe en soidade. Chora, Rosalía? Si. Berra, Rosalía? Si. Tamén sorrí. Con nós.


1 2 3 4 seguinte

[16-12-2010 20:36] María F. Montes comentou:

Claro sen ser simplista e contundente sen ser dogmático. Non esperabamos menos da autora.

[05-12-2010 21:31] Mario Solinho comentou:

Toda acción é contraditoria.
Toda realidade é problemática.
Por iso é tan precisa toda a axuda posibel pra superar e resolver contradicións e problemas.
Mais so de cando en vez, moi de cando en vez, se nos agasalla con escritos coma este, tan xenerosamente...

[01-12-2010 19:04] rianxa comentou:

un artigo moi interesante e para min esclarecedor

[01-12-2010 16:02] Esther DL comentou:

Como un corazón que latexa con paixón, as palabras do artigo non dicen, fan sentir. Rosalía elevada á condición de ser humano, dos de verdade... Cervantes creou o Quixote como encarnación da contradicción humana, pero era un ente de ficción. Ti rescataches a Rosalía do tópico e da condena

1 2 3 4 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña