20:15 Mércores, 20 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-11-2010

A CPLP está aínda lonxe de ser unha “Comunidade” internamente consolidada e influinte no panorama internacional

A CPLP: expresión económica e política internacional da lusofonía (III)

Valorar (6)

XESÚS RAMÓN GONZÁLEZ BOÁN


Cartaz en crioulo solicitando a declaración de Cidade Velha, Cabo Verde, como Patrimonio da Humanidade (Fotografía feita polo autor do texto)


Constituída hai 14 anos, a CPLP está aínda lonxe de ser -por moi variados motivos- unha "Comunidade" internamente consolidada e influinte no panorama internacional.

Quedou dito que a lingua, o pasado e a historia común están na orixe da creación da CPLP, mais é evidente que esa mesma "lingua, pasado e historia común" son sentidos e vividos de moi diferente maneira polos habitantes dos países lusófonos. Tras centos de anos de dominación o idioma do dominante - "a lingua é sempre compañeira do Imperio" - adquire unha carga emocional e política da que non é fácil desprenderse.

Ao igual que na maior parte de África, as fronteiras herdadas do periodo colonial portugués serviron de base para a construción de Estados que engloban dentro de si unha amplísima diversidade étnica e cultural. En Angola, Guiné-Bissau e Mozambique esta multiplicidade de integrantes é especialmente significativa e constitúe un factor permanente de inestabilidade e fractura interna. Por iso, a lingua portuguesa xoga un papel decisivo na política de cohesión nacional, sendo por veces  o único elo inmaterial no que se recoñecen os diversos grupos e compoñentes sociais.

O Timor Oriental é o integrante da CPLP con menor uso e coñecemento do portugués. Inmerso xeograficamente na área indonesia (Estado que o anexionou despois do 25 de abril ate a independencia en 19...) e economicamente na esfera australiana, o Timor dedica enormes esforzos a "lusificar" a poboación como método para subliñar  a súa existencia diferenciada fronte ao entorno xeográfico e, simultaneamente, reforzar a identidade e a cohesión interna.

Por veces parece que a lingua é o refuxio no que unha parte importante da sociedade portuguesa  garda a súa nostalxia -consciente ou  inconsciente- de potencia imperial. A feroz oposición que manifestan moitos cidadáns portugueses á utilización das normas ortográficas comúns aprobadas no "Acordo de Río" é totalmente coherente coa tradición de traducir ao portugués (sic) a literatura brasileira que se edita en Portugal, actitudes ambas que parecen derivarse da dificultade que a sociedade portuguesa ten en recoñecerse a si mesma na súa xusta dimensión xeográfica, cultural, económica e política.

Esta mesma actitude, mestura de ignorancia, complexo e nostalxia imperial, está na base das reaccións de receío, e mesmo desprezo, de unha parte da intelligensia do país luso perante a decisión de Cabo Verde de declarar o crioulo como lingua oficial. Algún comentario periodístico ten mesmo suxerido retirar de Cabo Verde a sede do Instituto Internacional da Lingua Portuguesa, pois non é aceptábel o "desagradecemento" da sociedade caboverdiana  ao establecemento de dita sede no seu país. Lástima que, xa de paso, non esixise á CPLP dotar de fondos ao Instituto para que deixase de ser un simple nome sen Case actividade e pasase a ser un ente vivo e actuante.

E xa no noso caso, Galiza, mellor non falar das dificultades que a sociedade portuguesa en xeral ten en admitir a íntima relación histórica e lingüística entre a nosa fala e a deles.

En calquera caso, as actitudes inmaturas que a maior parte da poboación portuguesa mantén coa súa lingua son bastante clarificadoras a respecto do alto contido simbólico que lle confiren.

Se no terreo lingüístico hai dificultades para entenderse de igual a igual, tampouco avanzan coa debida velocidade os intercambios económicos e comerciais entre os oito estados CPLP ou as actuacións conxuntas en política internacional.

Empezando por isto último, hai que destacar que a CPLP ten tido unha presenza activa nas últimas -e cíclicas- crises políticas que se deron na Guiné-Bissau, axudando a superalas. Agora ben se saímos do ámbito da CPLP non se albisca ningunha iniciativa conxunta de interese e incidencia no panorama internacional, agás nos casos de apoio ao Brasil nos seu obxectivo de ocupar máis espazo nas institucións multilaterais (nomeadamente as Nacións Unidas, Banco Mundial e FMI).

Pola contra, os desencontros son por veces espectaculares como ocorreu na Guerra do Iraq: mentres Durao Barroso en Portugal prestaba as Azores para escenificar a decisión do Trío da Morte (Busch, Blair e Aznar), o Brasil estivo sempre nunha posición belixerante de oposición e condena á invasión do país árabe.

Certamente, a CPLP no seu conxunto segue a ser un actor moi débil a escala internacional e seguirao sendo se non compensa a súa dispersión xeográfica (non teñen fronteiras terrestres comúns) cunha estratexia decidida de incremento substancial do investimento e do comercio intra-CPLP até conseguir unha porcentaxe significativa en relación ás súas propias dimensións, recursos e capacidades.

Sobre intercambios económicos e comercias falaremos na próxima, e última, entrega desta serie de colaboracións adicadas á Comunidade de Países de Lingua Portuguesa - CPLP.


[27-11-2010 11:54] Vasques comentou:

Acho para mim que comportamentos pessoais como os do treinador de futebol de uma equipa imperial espanhola, o senhor Mourinho, ou os do seu outro compatriota, Cristiano Ronaldo, têm muito a ver com a frase deste mesmo artigo que diz "a sociedade portuguesa tem dificuldades em se reconhecer a si mesma na sua justa dimensão geográfica, cultural, económica e política"

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña