01:02 Luns, 23 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-11-2010

Nin todo o pobo canta así nin esa situación debería ser considerada normal

Cantar en galego. Sobre a compilación do canto tradicional

Valorar (31)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Aos ilustrados do século XVIII corresponde a honra, entre outros méritos, de seren os primeiros en recoller e en valorizaren a literatura de transmisión anónima, como fixo o Padre Sarmiento (1695-1772), o Cura de Fruíme Diego Antonio Cernadas Castro (1698-1777), Xosé Cornide Saavedra (1734-1803) ou o Padre Sobreira (1746-1805). Algún tempo máis tarde, xa en pleno Rexurdimento e continuando esa liña iniciada na centuria anterior, outros eruditos voltaron a reparar na existencia dunha rica tradición de literatura oral (cantigas, contos, refráns e proverbios, lendas etc.) e chegaron á conclusión de que, se se non compilaba, corría o serio risco de desaparecer. Tamén se decataron de que ás veces esas manifestacións literarias, nomeadamente as cantigas, comezaban a ser reproducidas contra natura en español, o que para aquelas persoas, preocupadas pola dignificación e rexeneración do país, representaba unha outra ameaza, pois facía con que se desnaturalizase unha das expresións culturais e populares máis xenuínas, cal é a canción herdada secularmente durante xeracións e xeracións. A chegada de poesías vehiculizadas en castelán, pois, non podía pasar desapercibida aos ilustrados decimonónicos, xa que foi xustamente esta ameaza a causa principal que motivou o trasvase á escrita dunha literatura até entón de exclusiva transmisión por vía da oralidade. Podemos convir, por tanto, en que a época do Rexurdimento significou tamén un novo pulo na compilación de textos da literatura oral galega, que continuou, co brutal hiato da Guerra Civil (1936-1939) e coas arritmias derivadas dela, durante todo o século XX até aos anos actuais da presente centuria.

Contravindo a vontade dos eruditos dos séculos XVIII e XIX, cabe aquí lembrarmos a este respecto que, grazas ao goberno da actual Xunta de Galiza, xa se pode aprender "A saia da Carolina" en español, o cal coadxuvará nunha maior universalidade e cosmopolitismo desa peza de roupa asociada normalmente ás mulleres, favorecerá un maior coñecemento da súa famosa usuaria, posibilitará unha meritoria reivindicación do tal invulgar lagarto de alma cromática e, quizais, tornaralles factíbel o salto ao mundo da fama ás translatoras persoas responsábeis. Se cadra, os mesmos dirixentes políticos que co polémico Decreto do galego propiciaron esa tradución deberán chamar á orde un grupo de música do sur da península ibérica para os seus integrantes, a partir de agora, cantaren esa peza no idioma de Cervantes, pois o tal conxunto, natural da Andalucía, interpretábaa en galego como parte do seu repertorio, no marco de rumbas e de fermosas melodías de resonancias arábigas.

Nos tempos en que estamos, transcorridos xa moitos anos desde que, en diferentes épocas, Casal Lois, Casto Sampedro, Faustino Santalices, López de la Vega, Manuel Murguía, Ramón Cabanillas, Ramón de Arana, Rielo Carballo, Saco Arce, Pérez Ballesteros, Lois Tobío ou Marcial Valladares consagrasen unha parte do seu tempo libre a colectaren estrofes e melodías anónimas, observamos con preocupación como grupos dedicados ao estudo e á compilación de música e cantos tradicionais non hesitan en os colixiren en español. En xeral, trátase de colectivos que, con grande esforzo e con poucos medios ou mesmo en moitas ocasións sen ningún tipo de axudas, percorren meritoriamente a xeografía da nación para impediren que ese legado cultural desapareza. É por isto que desde aquí nos prace dármoslles os máis sinceros parabéns, pois moitas melodías e cancións estarían hoxe totalmente esquecidas se non houbese esa louvábel vontade de as recoller.

No entanto, as parabenizacións quizais deban minguar cando comprobamos como se compila canto 'tradicional' en español, capaz de subir "al carro carretero" da música galega como se fose normal esa lingua en tales ámbitos. Temos comentado isto con algunhas das persoas responsábeis desas compilacións, a lles mostrarmos a nosa estrañeza; as respostas de marcada vontade comprensiva con intención de captatio benevolentiae son varias, de diversa índole, aínda que aquí imos centrarnos só nalgunhas. Así pois, coa única vontade de repararmos nunha serie de cuestións que noutros ámbitos da vida cultural, literaria ou lingüística xa foron partícipes de moitos debates e de conversas, e sen ningún tipo de animadversión cara aos mozos e ás mozas que a día de hoxe colixen música e estrofes anónimas, eis varios deses puntos para a reflexión.

Xustificación número 1: o pobo canta así e hai que reproducir como canta a nosa xente

É verdade: o pobo canta desa maneira, mais é tamén certo que nin todo o pobo canta así (pois aínda hai persoas que só cantan en galego porque así aprenderon as estrofes dos seus maiores) nin esa situación debería ser considerada normal: sería normal que cantasen en galego espontaneamente os labregos franceses, os pescadores sardos, as labradoras checas ou os xornaleiros andaluces? E, de o faceren, a que se debería? Doutra parte, pensemos nunha comparación coa lingua: o pobo tamén pode utilizar españolismos cando usa o idioma, mais iso non converte esas formas foráneas en lexítimas ou en dignas de se proxectaren nun modelo culto e representativo do que debe ser a lingua galega: ninguén ousaría afirmar que tan galega é unha oración *Che digo que os ghuevos os merquei o miércoles como Dígoche que os ovos os merquei na cuarta feira (ou mércores). Por tanto, se a nosa vontade debe ser a de empregarmos unha variedade libre de barbarismos (na cal os procesos de hibridación co español non sexan vistos con normalidade, como parece que ultimamente así acontece desde foros presumibelmente plurais), tamén se non pode lexitimar que eses cantos, compilados sen dúbida coa mellor das intencións, teñan a mesma validade histórica e cultural e o mesmo valor etnográfico e antropolóxico que aqueles que se transmitiron en galego grazas á interconnivencia de moitas xeracións predecesoras.

Xustificación número 2: o español tamén se usa na Galiza

Igualmente certo. Mais, con independencia de cantas linguas puidermos falar a título individual e á marxe tamén de que, como utentes, un alto número delas nos enriquece cultural e comunicativamente como seres humanos, temos de aspirar a que o idioma de uso normal no país sexa o galego. Subsecuentemente, a condensación de esforzos para traballar no canto tradicional da Galiza parece que debe ser, outrosí, para aquel vehiculizado na nosa lingua. Isto pode ser identificado como un punto de vista propio do abano ideolóxico nacionalista, tan propenso -dise- a louvar o propio. Mais nótese que a literatura e a música tradicional galegas foron aliás ponderadas con obxectividade por persoas nada sospeitosas de militaren no nacionalismo actual, cal a musicóloga suíza Dorothé Schubarth, o erudito decimonónico González Bessada, o folclorista catalán Milà i Fontanals, o xuíz español Nicolás Tenorio, a condesa Pardo Bazán, o xa citado Padre Sarmiento etc. Presentemente, calquera día alguén podería aprender algunha das cancións dos cantantes españois de moda nese momento e mesmo podería darse a hipótese de que algún colectivo a recollese nun lugar esquecido: nunha aldeíña, no medio dunha remota montaña das serras orientais, nos labios dunha idosa muller, que a escoitaría nunha 'luarada' desas que preludian cada sexta a fin de semana. Xa non é o primeiro caso que se dá ou, cando menos, que acontece algo similar: hai anos, unha melodía presumibelmente antiga de gaita galega foi levada a un medio de comunicación de masas e presentada como unha peza arcaica; a sorpresa dunha grande parte do público foi maxistral, pois na realidade correspondía a unha popular canción soviética que o gaiteiro aprendera da televisión ou da radio... Na nosa humilde opinión, coidamos que é certo que a música tradicional é un grande río diacrónico a que van dar moitísimas augas de orixes diversas, mais talvez se debese conceder máis atención á procedencia desoutros regueiros e á súa capacidade de confluíren no río grande.

Xustificación número 3: obviar esas cantigas en español falsearía a tradición oral galega e a transmisión do canto.

Discutíbel. Se se poden coleccionar cantigas en español é debido ao consabido proceso de colonización que leva padecendo o país desde hai séculos. O falso sería afirmar que iso responde ao canto galego tradicional, cousa que non é, precisamente polo idioma en que se interpretan esas melodías. Por outro lado, as representacións nos escenarios, as gravacións en CD, as versións que se poden facer dunha cantiga tradicional si que falsean, en certa medida, a transmisión e a finalidade desas manifestacións de literatura e música tradicionais, pois transpórtanas dun ambiente a un outro ben distinto, na procura de atinxir finalidades diferentes. Mais repárese en que son ferramentas válidas e úteis para se dar a coñecer ao inmenso público ese rico patrimonio. E cando nun disco ou nunha actuación ao vivo a maior parte do repertorio cantado é en español, cabe preguntármonos que cultura, que país e que lingua representa a decisión de trasladar aos escenarios ou aos soportes musicais actuais eses cantos.

Xustificación número 4: é unha situación minoritaria, sen transcendencia

Cuestionábel. Hai grupos de música e baile tradicional que ofrecen espectáculos nos cales a totalidade do repertorio ou unha grande parte deste se vehiculiza en español. Temos así que os membros do colectivo se visten con logradas reproducións de traxes antigos (nalgúns casos do século XVIII) e que se senten galegos e galegas por un breve espazo de tempo, tocan instrumentos galegos, montan extraordinarias danzas sobre puntos de baile galegos (ou reprodúcenos directamente), mais cantan en español. Enfórmase unha produción musical coa finalidade de representar e de mostrar un ámbito tan concreto da cultura como é o canto e a danza e dáse que a parte lingüístico-literaria se desenvolve nunha lingua allea.

Hai xente que até podería argüír máis algunha outra explicación. Coidamos que con estas catro abondan para o debate e para a reflexión. Repárese en que nin todo o que hai na lingua nin tampouco no folclore é merecente de se transmitir ou, cando menos, de o facer nas mesmas condicións que outras manifestacións. Ao se ter unha gripe, por moito que durar, o esperábel é acudir ao centro de saúde para obter unha receita que vire un tratamento adecuado, pois, por frecuente que for esa patoloxía vírica, estar doente non ten de ser considerado normal. Aínda que non sexa raro escoitarmos cantigas colixidas en español, hai que pensar que iso non pode ser o desexado, como tamén non debe ser perspectivado desde a bandeira da normalidade, por moito habitual que sexa, a especulación urbanística (que acabou cunha importante parte do patrimonio artístico, arquitectónico e etnográfico), o castrapo tonecháceo e ardebullario, a destrución das árbores caducifolias (polo imperio do eucalipto perenne), o desmantelamento propositado dos sectores estratéxicos para a economía do país (como a construción naval, o leite ou a pesca) etc. É certo que todo isto é bastante común. No entanto, na nosa opinión, non debe ser modelar nun país que se quere próspero. Por iso pensamos que o canto tradicional galego ten de ser en galego. Se for vehiculizado nun idioma diferente, será outra cousa, quizais moito digna de análise do punto de vista sociolingüístico, mais certamente discutíbel dunha óptica identitaria e representativa do que é a cultura galega.


[22-11-2010 16:48] A. Porto comentou:

Absolutamente de acordo con Mario Solinho. Punto por punto, do comezo ao final.

[20-11-2010 14:13] Ana Figueroa da Rocha comentou:

A min esas pandereteiras que cantan en castelán "agalegado"prodúcenme noxo. Non o podo suportar.

[20-11-2010 13:24] Roberto López (Cerdido) comentou:

Cando tivemos a responsabilidade de governo da Consellaría de Cultura, foi un bo momento para terse recollido, senón todas, boa parte das cantigas tradicionais, normalizalas linguisticamente, metelas nun libro e entregarllas a tódalas asociacións folclóricas e culturais de Galiza, e mesmo dos demais territorios de fala galega do estado, nun acto/s onde técnicos e persoas de renome da cultura lles falara deste tema. Tamén púidose tomar a iniciativa de esixir que todas as pezas interpretadas nos distintos certames subvencionados pola consellaria o foran tomados deses textos normalizados. Por suposto isto implicaría que a consellaría se preocupara de dar axudas a todas as asociacións do pais que manteñen viva ista parte do noso patrimonio cultural.
As asociacións ledas de recibir uns cartiños de axuda para poder sobrevivir(que non lles é doado), a nosa cultura reforzada cunha importante obra, até o de agora inexistente, e a imaxe da consellaria mellorada por se implicar na pervivencia da cultura tradicional e do asociacionismo cultural de base.
Isto, tamén fora posíbel telo feito coas asociacións de teatro aficionado, dando unha subvención as agrupacións teatrais do pais por actuar ao menos unha vez ao mes. Cada asociación teatral asumiría o compromiso de preparar unha obra dunha lista dada pola consellaría, a consellaría en coordinación cos concellos e/ou outras entidades culturais encargariase dos locais en todos os concellos do pais. A carón disto fariase un concurso para novos autores de teatro co que fornecerse de novas obras.
Cantos paxaros mortos dun só tiro, con apenas unha treintena de agrupacións garántese ao menos unha obra por concello ao ano, e cun custo asumíbel, ainda que por cada representación os grupos recibiran 1000€ o custo anual serian 360.000€. Facer unha obra de teatro ao mes nos 315 concellos galegos custaría 3.780.000€, ainda así sería economicamente asumíbel. En contra partida estariase achegando a nosa cultura a un bo número de xente, e cuns bos alicerces de arraigo popular, dende logo mellores que os macro concertos veraniegos de grupos foraneos dos Xacobeos. E mesmo cun bo impacto a medio prazo en materia laboral non despreciábel(regularización laboral de monitores e mestres das asociaciós culturais que agora traballan en negro).
Mágoa de tempo perdido, tal vez teñamos ocasión máis adiante de retomar o asunto. A ver se de aquela, ao encetar a escrita da palabra "cultura" nos lembramos de non facelo con maiusculas até telo ben feito antes con minúsculas.

[20-11-2010 12:04] Mario Solinho comentou:

O asunto da para un libro, mais sempre no sentido de explicar apoiar e xustificar a túa tese.
Recoller e testimoniar, mesmo o impacto colonial na cultura propia, é moi valioso, mesmo para reconstruir; outra cousa é o carácter propositivo que acolle cando se reproduce en actos de massas, descontextualizado da recolla e da historia que o xenerou.
Acho que o que é verdadeiramente anormal, segue sendo, é que a estas alturas esa tarefa dependa aínda de inicitivas individuais, desenvolta por persoas con escasa ou nula formación científica que conduce a casos tan dolorosos e disparatados coma o que describe o autor; ningunha sociedade deixa o seu patrimonio material nesas condicións nas que está o noso inmaterial...En calquera caso, non sei onde lín algo da transformación da cantidade en calidade, así que veñan máis artigos coma este!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña