20:50 Sabado, 19 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-11-2010

Cando Feixóo e o PP se proclaman galeguistas están prostituíndo o sentido histórico do termo

O "galeguismo de mangueira" de Feixóo

Valorar (19)

ALFREDO SUÁREZ CANAL



No verán de 2006 en plena vaga de lumes en Galiza e con moitas persoas pasando angustia, o daquela presidente do PP en Galiza aparecía en todos os medios de comunicación ataviado con roupas deportivas e portando na man unha mangueira de xardín diante dunha pequena fogueira. Seguramente como en poucas ocasións fíxose patente o tópico de que unha imaxe nos aclaraba de xeito nítido cal era a idea que Feixóo tiña da política mellor que mil verbas: O importante para el é a imaxe para a galería, a transmisión mediática das cousas, nunca a realidade e os feitos.

Casi vinte meses despois da chegada de novo de Feixóo a Xunta de Galiza, desta volta como presidente, a realidade e os feitos evidencian lamentablemente que a instalación intelectual de Feixóo sigue a ser a mesma que cando posaba mangueira en man. O importante para el son os "xestos para a galería", as apariencias mediáticas, e as políticas de salón. E o máis grave do asunto é que se practica esa idea da política con todas as cousas fundamentais nas que Galiza se xoga algo como suxeito político colectivo.

O Galeguismo historicamente representou a articulación, no plano da política, do aglutinante definidor dunha aspiración dos que querían colocar a Galiza como suxeito político colectivo con dereitos e aspiracións de autogoberno e que as súas prioridades de servizo partían das necesidades do pobo galego e de preservar a súa identidade de cara o futuro. Sen entrar hoxe na valoración de se é acaído ou non o uso do termo despois da continua mistificación de que foi obxecto no pasado recente e no presente, o que si podemos dicir e que cando Feixóo e o PP se proclaman galeguistas están prostituíndo o sentido histórico do termo e responden en todo caso a mesma instalación e concepción da política que cando empuñaban a mangueira: políticas de apariencia, "Galeguismo de Mangueira".

En moitos dos asuntos relevantes que teñen que ver cos intereses de Galiza, co seu idioma e cultura, coa súa identidade e aspiracións de autogoberno, a deserción practicada polo presidente da Xunta e o seu seguidismo da estratexia deseñada polo PP en Madrid, sempre se acompañan de unha retórica "galeguista" de salón.

O deseño dunha política calculada de eliminación e "apartheid" do idioma propio do país, a aprobación dun modelo de financiamento lesivo para os intereses de Galiza; a ausencia de reclamacións previas ao decreto do carbón e a posición do PP no congreso dos deputados; a submisión total aos deseños existentes e pactados en Madrid de bancarizar as caixas con todo o que iso pode representar para Galiza, con subversión total das regras de xogo democráticas ao poñer o parlamento galego a lexislar ao ditado dos consellos de administracións de entidades financeiras; a renuncia a crear unha policía propia utilizando os argumentos do custe e a oportunidade, cando se sabe que para o erario público en xeral, contando todo, sería máis eficiente e dende logo sería un salto importantísimo no autogoberno e en non perder estatus político; cando se asiste impasíbel e sen mover un dedo a que unha empresa española e con parte de capital público que operaba nun sector estratéxico galego como o leite pasase a mans francesas, con todo o perigo que iso pode representar para o futuro; cando se estimula e se lle dan as beizóns á venda de activos nun sector tan relevante para o futuro como o das comunicacións que conleva a perda do control de R por porte de entidades galegas e ao mesmo tempo se aplaude a compra de activos de Sacyr; cando se esconden intencionadamente datas e personaxes relevantes no ámbito da cultura propia; son algúns exemplos de cales son as prioridades e estratexias as que responde o exercicio de goberno por parte de Feixóo. 

Seguramente o mellor exemplo que pode resumir o deseño no que esta inmerso o señor Feixóo é a súa renuncia a elaboración dun novo estatuto para Galiza. Na lexislatura pasada xa boicoteou esa posibilidade. Agora novamente coloca a "cabeza" de Galiza, como suxeito político colectivo diferenciado con aspiracións de futuro, na bandexa que se lle reclama desde o PP de Madrid e o fai con total convición, sabendo que na conxuntura actual e coa perspectiva que se esta abrindo a nivel de estado e en outras nacións do mesmo, pode significar, se a cidadanía galega non o remedia, o golpe de graza definitivo para perder un estatus político que con tanto esforzo e tesón conquistaran os galeguistas históricos do pasado.

E para xustificar estes feitos tan rotundos recórrese por parte do presidente a mistificar a realidade e a buscar unha estratexia de apariencia cara a galeria. Para xustificar as súas claudicacións no tema do financiamento, no decreto do carbón, na venda do láctea, na perda de control galego de R, no proceso de bancarización das caixas, na ausencia de competencias que incrementen o autogoberno como o tráfico e en tantos outros asuntos de interese para Galiza, "externalízase" a través dunha "asistencia técnica"  toda a responsabilidade ao goberno do estado, que sen dubida a ten. Pero dende logo a complicidade activa nuns casos e a pasiva noutros non poden ocultarse sacando a pasear a estratexia da "mangueira" e tentando sacar aparentemente peito cando xa se produciron os feitos, falando mesmo de agravio con Galiza.

En definitiva este "Galeguismo de Mangueira" que empeza a ser unha constante de apariencia do señor Feixóo, non é nin máis nin menos que o tentar mistificar a estratexia clara á que responde: neste contexto político a Xunta ten que ser unha peza clave para que Galiza se "incorpore" de xeito irreversíbel ao estatus das rexións do estado e deixe de ter aspiracións de contar como nación, dito de outro xeito españolismo de Génova, aínda que non só de Génova. Por todo o que nos vai no envite temos que empeñarnos en evitalo.


[15-11-2010 20:01] MAZAIRA comentou:

Poqué non nos comprenden, Alfredo. Feijoó ten os seus intereses personais de trepar na politica, pero ¿e a xente cos vota? que intereses terán. Non deixedes de loitar, por GALIZA.

[15-11-2010 08:10] abelardo xose del caño comentou:

Interesante artigo sobre o presidente da Junta, mais penso que chamarlle galeguismo ainda que sexa de mangueira é demasiado título para tan pouco home. Deixemolo en Presidente de Mangueira, e aver si con un pouco de sorte posa baixo unha mangueira e un dos seus froitos ábrelle a cabeza, ollo só a intelixencia! (Non queremos feridos....)

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña