02:50 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-11-2010

Onde situármonos para definir o bosque atlántico orixinario?

A reinvención do bosque atlántico

Valorar (13)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



A reinvención do bosque atlántico

Ultimamente levo tratado bastante a respecto da consideración de especies vexetais autóctonas e da situación dalgúns ecosistemas terrestres de Galiza, concretamente a respecto do bosque atlántico e de ribeira.

A ninguén se lle escapa o significado do que queremos expresar cando dicimos que a biomasa vexetal do monte que actualmente podemos contemplar, gozar e xestionar, non ten nada a ver co bosque atlántico orixinario, mais hai dous factores que non temos en conta cando facemos esa afirmación e abordamos este debate: a evolución da vexetación dende as glaciacións e a antropización.

Evolución da vexetación dende as glaciacións

Este primeiro aspecto é relativo ás variacións climáticas acontecidas nos últimos milleiros de anos que fixeron variar tamén a vexetación predominante. É por iso que cando falamos do bosque autóctono temos que buscar unha referencia temporal para tratar de definir a que nos estamos a referir.

O avance e retroceso da vexetación vai parella á das glaciacións, a última, hai 80.000 anos, rematou co período do Pleistoceno, mais as oscilacións do propio período glacial indican que a última vaga glacial, do período WÜRM III, rematou hai 12.000 anos, xa no Paleolítico Superior, daquela non tiñamos nin bosque atlántico nin sociedades humanas autóctonas sobre a vella nosa terra.

Foi co remate desta glaciación cando a vexetación reconquista o solo deixado ceibe polo retroceso dos xeos. O papel da costa atlántica peninsular no período dos xeos foi de reservorio de bosque, o que despois permitiu que avanzara cara ao norte e o interior. Primeiro, hai 10.000 anos, con piñeiros e bidueiros,  despois, hai 9000 anos, sendo substituídos por abelairas e polos carballos, chegando ao óptimo climático hai 5.000-7.000 anos no que foi ocupada toda Europa por un bosque mixto de frondosas, con carballos, freixos, ameneiros e ulmeiras. Daquela os humanos perseguían aos uros, tal e como datan os recentes achádegos do Courel.

A partir de aí o clima faise seco, retrocedendo as ulmeiras e avanzando as faias e as coníferas, aprezándose xa a eliminación do bosque por efecto antrópico para crear campos abertos de caza e despois cultivos. Nos últimos 2500 anos avanzan as faias en toda Europa, grazas a unha maior humidade no clima aínda que os carballos manteñen preponderancia.

Hai que ter conta que mesmo na distribución xeográfica da vexetación pode observarse que esta non é uniforme e que se adapta, coma un mosaico, ás peculiaridades ambientais que ofrece a variada orografía.

Entón, onde situármonos para definir o bosque atlántico orixinario?

Evolución da vexetación pola antropización

Este segundo aspecto contempla que o territorio de Galiza foi un lugar habitado polas sociedades humanas dende hai 8.000 -10.000 anos e, derivada desa ocupación, dáse unha modificación da contorna e mesmo da paisaxe.

Hoxe atopámonos cun bosque caducifolio relegado aos cumes e ladeiras inaccesibles ou cun bosque de ribeira bordeando os ríos, mais ambas formacións nun tempo presentaban unha cobertura continua do territorio onde as especies arbóreas ían substituíndose unhas a outras en función da súa adaptación ás condicións ambientais. Dun tempo a esta parte (séculos) é o uso antrópico do territorio o que define o tipo de vexetación presente, a realidade é unha apariencia.

Entón, onde nos situármonos para definir tan só o bosque?

Cando falamos da recuperación do bosque atlántico estamos a falar dunha ampla diversidade de formacións vexetais xa que este tipo de bosque componse de vexetación mixta típica do clima atlántico, con alta humidade, choiva e temperaturas medias no inverno. En definitiva falamos dun bosque temperá de árbores frondosas caducifolias con coníferas incluídas. A característica desta formación é a grande variedade vexetal e animal que alberga. Predominan carballos, freixos, faias e bidueiros, mais formando parte do mosaico de vexetación atlántica tamén atopamos vexetación típica dos bosques de coníferas de montaña, piñeirais e teixidais, das brañas, das turbeiras, das dunas e dos pasteiros.

Cando falamos desa recuperación non estamos máis que re-antropizando a evolución que leva este tipo de formación vexetal cara a súa desaparición e que a empuxa a converterse nunha mestura crioula, representativa da vexetación planetaria, que rematará por evolucionar adaptándose aos ambientes locais cara a non se sabe onde.

Mais, aínda con todos estes condicionantes este exercicio de re-invención pseudonatural do bosque atlántico, por moi custosa que nos pareza, resulta cada día máis necesaria.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña