00:30 Sabado, 16 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-11-2010

Levou once anos conseguir que a Xunta presentara a candidatura no Ministerio de Educación e Cultura

A muralla de Lugo cumple 10 anos como patrimonio da humanidade

Valorar (4)

ADOLFO DE ABEL VILELA


Muralla romana de Lugo


Un ben declarado Patrimonio da Humanidade, é un sitio específico que foi incluído na lista que elabora o Comité do Patrimonio da Humanidade da Unesco composto por 21 estados que son elixidos pola Asemblea Xeral de Estados Membros.  Até o ano 2009, a lista tiña un total de 890 sitios declarados en 148 estados membros, dos que 689 son culturais, 176 naturais e 25 son mixtos.

España é, despois de Italia, o segundo país con maior número de bens declarados, con 46, dos que 37 son bens culturais, entre os que está a Muralla, 3 son bens naturais, 2 son bens mixtos e 4 son bens inmateriais. Galicia ten 4 bens declarados, aínda que un deles, o Camiño Francés de Santiago, compárteo coas comunidades de Navarra, A Rioxa, Aragón, e Castela León. O casco antigo de Santiago de Compostela foi inscrito en 1985; o Camiño de Santiago en 1993; a Muralla de Lugo en 2000, e a Torre de Hércules en 2009.

Case 12 anos para conseguilo

Levou once anos conseguir que a Xunta presentara a candidatura no ministerio de Educación e Cultura para que a tramitasen ao Comité do Patrimonio Mundial da Unesco e que se aprobase a inclusión na listaxe de bens do Patrimonio da Humandidade.

Nesta empresa non todas as administracións e partidos políticos mostraron no primeiro momento o mesmo interese. O BNG foi un dos máis batalladores coas súas iniciativas no Concello, no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados. O PP foi remiso ao principio pero chegou un momento, a partir de febreiro de 1998, en que debido á presión social e política non lle quedou máis remedio que tramitar a solicitude.

Daba a impresión de que algúns non crían nos valores da muralla. Dos catro alcaldes que houbo en Lugo desde 1988, Vicente Quiroga Rodríguez (1983-1991), Tomas Notario Vacas (AP) (1991-1995), Joaquín García Díez (PP) (1995-1999) e José Clemente López Orozco (PSOE) (1999), só os dous últimos se preocuparon polo tema.

Unha proposta de 1988

O abandono no que se atopaba o monumento logo da creación da autonomía, foi a causa que determinou que se solicitase a declaración en 1988, sendo alcalde Vicente Quiroga Rodríguez.  O primeiro paso, deuno o Concello o 24 de xuño dese ano, por mor dunha moción presentada polo Grupo Popular, que estaba na oposición, sobre a conservación e restauración da muralla, na que se propuña que o Concello colaborase co ministerio de Cultura nos traballos de conservación e rehabilitación do monumento.

O concelleiro delegado de Servizos Eléctricos, Cándido Sánchez Castiñeiras, que tamén era deputado no Parlamento de Galicia por Coalición Galega, estaba de acordo co que solicitaba AP, pero propuxo que se engadise á moción o seguinte punto:

Iniciar las gestiones oportunas a fin de que la muralla de Lugo sea declarada Patrimonio de la Humanidad, en razón de su interés histórico y monumental
.

A moción aprobouse por unanimidade e acordouse que se dese traslado ao ministerio de Cultura, pero nunha pregunta feita ao ministro Jorge Semprún no Senado, respondeu que conseguir a declaración era difícil.

A Muralla de Lugo e a Torre de Hércules

Dous anos despois xorde na Coruña a proposta de solicitar a declaración conxunta coa Torre de Hércules.  Na sesión académica ordinaria do 31 de marzo de 1990 da Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario, os académicos Felipe-Senén López Gómez e José Ramón Soraluce Blond propuxeron dirixirse ao ministerio de Cultura para iniciar os trámites e sensibilizar aos poderes públicos para a declaración de Patrimonio da Humanidade das dúas significativas obras da romanización do extremo occidental peninsular. Adoptouse o acordo e na sesión do 26 de xaneiro de 1991, os citados académicos, entregaron o informe definitivo para acompañar á solicitude que foi remitida ao ministerio de Cultura.

O BNG dirixiuse a Federico Mayor Zaragoza, director xeral da Unesco para interesarse polos pasos que había que dar na tramitación. Remitiu unha documentación en inglés na que se facía constar que era moi importante o apoio popular ao monumento e á candidatura. En vista diso o 1 de outubro de 1991 presentou unha moción no Concello na que solicitaba a creación dunha comisión formada por cada un dos grupos políticos que estaban na Corporación, para articular unha campaña de apoio cidadán e institucional, e outra de sensibilización sobre o estado do monumento e de solucións urxentes por parte das administracións Central e Autonómica. Foi apoiada por todos os grupos no pleno celebrado o día 25 de outubro, pero o alcalde Tomás Notario Vacas (AP), que gobernaba en minoría, non facía caso ás mocións que aprobaba a oposición e a comisión non se constituíu.

A segunda fase do intento

A Corporación Municipal retomou a iniciativa en 1997, solicitando á Unesco a declaración. O BNG fixo campañas periódicas colocando carteis con esta demanda. Os deputados no Congreso Francisco Rodríguez Sánchez (BNG) e José Blanco (PSOE), presentaron proposicións non de lei, solicitando ao Goberno e á Xunta que realizasen as xestións necesarias para conseguir que a Unesco declarase a muralla de Lugo Patrimonio da Humanidade. O mesmo fixeron no Parlamanto de Galicia Pilar García Negro e Alberte Xullo Rodríguez Feixóo.

O Eixo Atlántico, na reunión celebrada o día 12 de febreiro, sumouse á petición a proposta do alcalde Joaquín García Díez (PP). Acordaron por unanimidade dirixirse á Xunta de Galicia solicitando que retomase as xestións. Era unha medida que contaba con amplo respaldo na cidade, sobre a que a Corporación se pronunciara por acordo unánime.

O primeiro paso importante cara a presentación da candidatura da muralla, deuse o 20 de febreiro de 1998 cando o Consejo de Patrimonio Histórico, órgano de coordinación entre o ministerio de Educación y Cultura e as comunidades autónomas, decidiu apoiar a candidatura presentada pola Xunta. A partir dese momento o ministerio realizaría unha nova selección entre un cento de candidaturas, tomando como base a súa historia, os seus valores e a súa singularidade. A nova lista, que permanecería pechada durante dez anos, trasladábase á Unesco para aspirar á declaración.

En novembro formouse un equipo de traballo para elaborar a documentación que foi entregada en Madrid o 27 de maio de 1999 e o 25 de xuño o Consejo Asesor del Patrimonio acordou aceptar a candidatura da muralla xunto co xacemento de Atapuerca (Burgos), o románico de Vall de Boí (Lleida), e as localidades de Úbeda e Baeza (Jaén). Despois incluíronse outras dúas.

O día 28 estaba previsto que a documentación chegase á embaixada de España en París para ser presentada á Unesco antes do 1 de xullo. O día 8 reuniríase o Comité do Patrimonio da Humanidade para iniciar o estudo de cada candidatura, que faría a preselección entre 81 candidatos.

O subcomité da Unesco seleccionou 64, e informou coa mellor nota a candidatura da muralla, das seis que presentaba España, incluíndo o Palmeral de Elxe e os enclaves romanos de Tarraco (Tarragona). As candidaturas de Atapuerca e Vall de Boí, serían examinadas de novo en novembro incluíndo esta última proposta. Úbeda e Baeza non entraron.

Jean-Pierre Adam foi o técnico italiano de Icomos Internacional encargado de avaliar a proposta da muralla, analizando o monumento e a súa contorna. Non puido ser mellor a elección dado que un dos seus libros de máis éxito titúlase A construción romana: materiais e técnicas. O arquitecto e exiptólogo experto en construcións romanas, especialmente Pompeya, iniciou a visita o día 27 de xaneiro de 2000.

O seu informe foi decisivo para a elección en Cairns (Australia). A noticia da declaración coñeceuse ás catro da mañá do día 30 de novembro de 2000 e anunciouse ás oito co disparo de dez bombas de palenque, unha por cada porta e co repique das campás da catedral.

Foron varios os políticos de distintas ideoloxías, as institucións, asociacións, entidades e as persoas que fixeron a súa achega para conseguilo nos case doce anos que durou o proceso. Por iso o grupo de goberno municipal, formado polo PSOE e o BNG, deixando ao carón a tentación partidista, acuñaron un slogan co que se recoñecía este traballo conxunto:

Conseguímolo entre todos.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña