12:54 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-11-2010

Un 2 de outubro de 2009 un grupiño de viñateiros/as das Rías Baixas, Ribeiro e Monterrei crearon a Asociación Galega de Viticultura

Viño e Terra. Un ano de vida da Asociación Galega de Viticultura

Valorar (7)

XOSÉ MANUEL GONZÁLEZ VILAS


Cartel da campaña "Beber do País"


Un 2 de outubro de 2009 un grupiño de viñateiros/as das Rías Baixas, Ribeiro e Monterrei crearon a Asociación Galega de Viticultura, que ademais se integrou posteriormente na FRUGA, esta Asociación que non ten ningún propósito de cubrir a función e labor das moitísimas agrupacións vitivinícolas do país, mais quere aportar un grao de area a través das posibilidades da axuda e colaboración con todos/as os que algo teñen a ver no sector. Así pois,  xa se cumpriu un ano intenso de contactos, visitas, cursos, catas e roteiros polas nosas ribeiras.

Comezouse alá no mes de xaneiro do presente ano no recuperado Pazo de Mugártegui na Praza da Pedriña (Sede da DO Rías Baixas) en Pontevedra coa primeira Xornada de Promoción dos Viños Galegos e na que colaboran os Consellos Reguladores das DOs Galegas e nesta ocasión co patrocinio do Concello de Pontevedra, nesta mesma Campaña continuouse en Vigo no  Centro Comercial Aberto de Vigo Centro co Concello de Vigo  e logo coa Asociación de Hostaleiros de Lugo en Lugo no Hotel Méndez Núñez, onde se asinou o primeiro Manifesto Nazonalista e 1918,  e en Ribadeo na incomparable balconada do Parador sobre a Ría, nestes últimos casos coa colaboración da Vicepresidencia 1ª da Deputación de Lugo, a Campaña seguirá proximamente noutras cidades e vilas.

Na dita Campaña puideron participar  máis de 20 adegas e os viños xenéricos dos seus Consellos Reguladores, xa que estes só se poden degustar en actividades de promoción, a oportunidade deu para presentar adegas novas así como outras xa consagradas. Nos eventos colaborou tamén a  Asociación Galega de Enólogos co seu Presidente Xosé Manuel Martínez Juste. Tamén é importante mencionar o traballo de Roberto Rivas e Xurxo Cardoso, viñateiros das Rías Baixas e verdadeiros artífices da Campaña e tamén o infatigable Xosé Lois "O Carrabouxo" que deseñou o logo "Beber País".

Como consecuencia das ditas actividades xurdiu unha Primeira Cata Promocional co Centro Comercial Aberto de Ribadeo e que contou co Catador Luís Padín (Presidente da Asociación Galega de Catadores),  neste caso se asistiu a un maratón de máis de 19 viños diferentes e de ribeiras diferentes.  Desde a AGV se deu lugar a organización de Roteiros Enoturísticos nos que se puideron organizar xa varias visitas colectivas a adegas e territorios como Monterrei, O Rosal (Baixo Miño), Ribeiro e Valdeorras, os roteiros dan a coñecer as Rutas do Viño nas que se xuntan  cultura, gastronomía e  o territorio visual das paisaxes históricas como podería ser a Cidadela  Fortificada  de Monterrei, os Muíños do Folón no Rosal ou o Santuario das Ermidas en O Bolo.

Mais tamén é importante sinala o traballo noutras ribeiras aínda non tan significadas e recoñecidas como a dos Viños da Terra de Betanzos  e na que cabe sinalar o traballo do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo e nomeadamente  na persoa de Antonio Meixide; e a labor organizativa da Asociación de Viticultores  Ribeira de Arousa na zona de Viños da Terra Barbanza Iria  e a Federación de Viticultores e Furancheiros de Pontevedra que esta centrada no Morrazo e Redondela  onde soubemos da súa vontade de acadar un recoñecemento para a bisbarra, o  furancho como figura tradicional da nosa cultura vitícola litoral e que quere deixar por moito tempo a súa pegada, xa que a cultura pervive independentemente da roupaxe formal ou xurídica, por se algún alto cargo da actual Xunta aínda non se decatou.

Tamén a AGV tivo oportunidade de coincidir con Xavier Castro en Cabo de Cruz na presentación do "imprescindible" libro " A Rosa do Viño" que esperamos sexa un acicate máis para introducirse nunha faciana moi densa en acontecementos do que podería ser unha parte da nosa historia do cotidiano. O propio autor do citado libro esta a coordinar un Curso de  "Cultura do viño,literatura e música" e que xa esta na  2ª edición neste mes de novembro en Compostela. Seguindo co eido cultural a AGV iniciou unha colaboración co'aCentral Folque e que xa organizou "Sabores e Saberes" en Vilanova de Arousa. E quen di cultura di das moitas Feiras Vitícolas que hai polo país e que abren e pechan o ciclo de novos viños que saen ao publico e nas que a AGV quere sinalar a súa relevancia, desde logo é unha recomendación que se traslada aos nosos concidadáns coñezan o país através das dúas festas e feiras de exaltación vínicas como é Chantada, Sober, Pantón, Quiroga, Ribadavia, Castro Caldelas, Barro, Rubiós, Cambados, O Rosal, Arbo, Verín, A Rúa, Betanzos, Salvaterra, Leiro, etc.

No eido da formación e extensión vitícola se puido  levar adiante actividades con viñateiros por todas as Rías Baixas no que se contou coa inapreciable axuda de Francisco Rego, experimentado técnico de viticultura da EVEGA (Estación de Viticultura e Enoloxía de Galiza), desde a AGV  non e pode  esquecer o traballo no eido vitivinícola doutras institucións como o Centro de Formación Agroforestal de Monforte, A Granxa-Escola de Ponteareas, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro e a Misión Biolóxica de Galiza.

No próximo día 20 de novembro terá lugar o VI Salón dos Viños e Aguardentes Galegos en A Coruña e na que participará a AGV oportunidade de nun mesmo escenario coñecer viños e adegas que non é fácil moitas veces atopar. Nesta ocasión se falará e experimentará das posibilidades do carballo galego para viños de garda.

Os debates encol do viño son a cada vez máis complexos:a inserción comercial dos nosos viños, a internacionalización crecente, crise de consumo, viño e saúde, formación do consumidor/a, o papel dos consellos reguladores, cooperativismo, internet, as novas técnicas enolóxicas, a volta ao terroir, a relación entre viticultores e adegas, etc. Cada vez son máis precisos os insumos de "proceso de ideas" partillados fronte aos insumos individualistas de  "consumo e dependencia material" que interiorizan unha falsa idea de inferioridade. Desde hai un tempo se esta pisando firme na cadea de valor económico e cultural dos viños galegos, mais axudas serán precisas. Pois iso, con humildade e modestia a AGV  vai a traballar desde o concreto do día a día con Cooperativas, Adegas Furancheiros/as, Enólogos/as, Consellos Reguladores, Hostaleiros/as, Catadores/as, Historiadores, Investigadores/as e Amantes en xeral dos prezados e apreciados néctares, en fin brinden  connosco máis unha vez pola longa vida dos nosos viños.


[10-11-2010 16:03] Vitor comentou:

Fas ben cando falas do libro "a Rosa do Viño" como "imprescindible" e un libro delicioso sobre un mundo tan interesante como é o mundo do viño, tan alleo, para os que coma min somos do interior. Bo colaborador o voso...

[10-11-2010 10:04] Nélida comentou:

Vaia se brindo! Parabéns a ese grupo de viñateiros que se asociaron no 2009, e a tod@ @s que con posterioridade se sumaron a un proxecto tan dinámico como o que puxestes en marcha. A labor reivindicativa é importante, máis a mellor forma de axudar a un sector e mediante unha posta en valor dos seus produtos, a mellora das canles de comercialización e a promoción dentro e fóra das nosas fronteiras do resultados dos seus esforzos. O éxito da iniciativa creo que se pode cuantificar, non só no número de aboados que ides consolidando, senón a cantidade e calidade de colaboradores, que ides conseguindo, para poñer en marcha as vosas interesantes iniciativas. !UN BRINDIS POLA AGV!.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña