12:35 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-11-2010

0 efecto pernicioso para o noso país das políticas colonialistas do estado

As medidas políticas dos gobernos de Madrid e Compostela disparan o desemprego na provincia de Lugo

Valorar (7)

XOSÉ FERREIRO FERNÁNDEZ



Un 13,54% de aumento no desemprego na provincia de Lugo dende o mes de agosto ata o de outubro fan que a provincia de Lugo rompa negativamente todas as estatísticas de desemprego no ámbito do estado. Son cifras espectaculares, totalmente silenciadas a nivel oficial e mediático, pero que responden a medidas políticas concretas, executadas por gobernos e dirixentes de forma consciente e con consecuencias que se traducen de xeito inmediato e directo á sociedade da provincia. Nunca as políticas colonialistas tiveron unha tradución tan clara e directa en parámetros socioeconómicos.


INCREMENTOS NO DESEMPREGO

                     Agosto   Setembro  Outubro        Agosto-Outubro

Lugo             3,09%     4,66%       5,24%                      13,54%

Galiza           0,83%     2,16%       3,61%                        6,72%

Madrid          1,27%     0,65%     - 0,05%                        1,87%

País Vasco    2,75%     0,97%       1,38%                        5,18%

Cataluña       3,10%     0,25%       1,66%                        5,06%

España          1,56%     1,21%       1,70%                       4,54%

Fonte: INEM

Estamos acostumados a que as cifras macroeconómicas varíen de xeito continuo, prexudicando case sempre á Clase Traballadora, pero sen facer relacións directas entre estas variacións e as decisións políticas que se toman. Parece que estes parámetros veñen provocados por razóns "etéreas", que non teñen causas no noso entorno e, polo tanto, sobre as que non podemos pedir responsabilidades aos políticos que temos cerca.

Evidentemente esta é unha estratexia do propio poder para eximirse de responsabilidade. Resulta moi doado aos gobernos do estado responsabilizar a Bruxelas ou aos movementos especulativos do capital. A Xunta bótalle a culpa a Madrid, pois sempre pode saír rendíbel facelos responsábeis dada a loita polo poder que teñen. Se é no ámbito dos concellos, a culpa é da Xunta ou, se interesa, tamén da Deputación ou do Estado. O caso é facer sempre responsábel a alguén e non asumir que as decisións que toman todos os días ou as que permiten que tomen as súas organizacións están a arruinar de xeito irremediábel ao noso país.

Nesta ocasión estamos ante unha situación onde dun xeito directo e rápido se visualizan os efectos destas políticas e, como se verá a continuación, dun xeito que lles tería que resultar difícil eludir esta responsabilidade.

Xa no mes de xuño, dende o sindicalismo nacionalista en Lugo, advertíamos que isto ía acontecer. Non é que teñamos dotes adiviñatorias, senón que era cuestión de coñecer a estrutura económica e social da provincia e os efectos básicos das medidas que se estaban a tomar.

Como se ten dito de xeito continuado, o tecido produtivo da provincia é febre, sen unha estrutura produtiva desenrolada e cunha orientación totalmente colonial. A pouca produción industrial ou de servizos que existe está orientada ao autoconsumo nas propias zonas, non existindo practicamente a venta destes produtos ou servizos fora do entorno inmediato (nin sequera a outras zonas do país). Ao mesmo tempo, o seu sector agrario, o cal ocupa a mais de 15.000 persoas, está es total desmantelamento e tecnicamente en quebra económica, sen capacidade algunha de dinamizar o consumo, tanto no ámbito xeral como no que atinxe ao seu ámbito de produción.

OS DATOS DE LUGO

Poboación total               355195
Poboación activa             161600
Pensionistas                   120693
Pensión media                582,22 €
Traballadoras/es públicas 20500
Afiliados/as á SS             126379

Así as cousas, os nosos gobernantes toman unha serie de decisións que van ter un efecto inmediato. O goberno do estado decide conxelar as pensións, e dado que temos as máis baixas do estado (582,22 €/mes), condena a case a metade da poboación (120.693 pensionistas sobre unha poboación de 355.195 persoas) a unha rebaixa real nos seus ingresos e, polo tanto, da súa capacidade adquisitiva. Se xa a capacidade de consumo deste case 50% da poboación era de por si moi baixa, agora esta queda tamén conxelada.

Ao mesmo tempo, tamén se decide sacarlle ás traballadoras e traballadores públicos un 5% do seu salario. Este grupo representa sen dúbida o colectivo máis amplo de asalariados e asalariadas da provincia, contando con máis de 20.500 persoas na provincia, vindo a ser sobre un 17% das persoas asalariadas. Ademais, dadas as características do mercado laboral de Lugo, son o grupo social que ten máis capacidade de consumo, non só porque se apartan un pouco dos miserentos salarios do resto, senón pola confianza que representa a súa estabilidade no emprego. Esta rebaixa, totalmente impensábel e imprevista fai uns meses antes, non só produce esta diminución real no consumo, senón que provoca unha reacción de medo "psicolóxico" que fai que a caída no consumo sexa moito máis grande.

Por se isto fora pouco, cos pensionistas sen ningunha capacidade de compra, cos traballadores e traballadoras das administracións totalmente asustadas polo porvir, e co sector agrario que escasamente pode manter as súas explotacións, tómase outra decisión que afecta ao outro gran colectivo de asalariados e asalariadas da provincia: paralízanse unha gran cantidade de obras públicas, mandando ao desemprego a moitas persoas e amedrentando aos que quedan con traballo.

Así as cousas, a caída no consumo de servizos ou produtos elaborados na provincia é inmediata e como consecuencia directa, o despedimento de centos de persoas que traballaban nestas empresas non se fai esperar. Esta reacción é aínda máis "lóxica" se se ten en conta as características das empresas e empresarios da provincia, empresas pequenas e obsoletas, sen capacidade para aguantar as épocas con dificultades e empresarios que basean a súa actividade simplemente na ganancia rápida, sen ningún tipo de conciencia de país ou de creación estrutura económica.

Existen responsábeis destas decisións políticas

Resulta curioso como os políticos do noso entorno desaparecen do debate cando se aproban estas medidas. Cando isto ocorre queren dar a impresión como se no noso país non existiran as organizacións políticas ás que pertencen e que fomentaron e aprobaron a reforma laboral ou as outras medidas das que estamos a falar. Agachan a cabeza e incluso, no ámbito privado, non teñen ningún escrúpulo en renegar desta forma de facer política.

Isto representa "pura fachada", pois na realidade eles son consciente de que son tan culpábeis como os que as deseñaron ou levantaron a man para aprobalas. Son totalmente partícipes desta estratexia e culpábeis ao mesmo nivel que o resto. É máis, son colaboradores necesarios para que estas políticas teñan efecto, pois son os concellos, deputacións ou consellerías quen ten que executar, na práctica, estas medidas, función que cumpren con toda dilixencia e sen ningún tipo de remordemento. Alguén podería pensar que unhas organizacións políticas como o PSOE ou o PP poderían levar adiante estas decisións sen a anuencia dos seus cargos políticos?. Evidentemente non e co seu silencio, unha vez máis, están a consentir que se asoballe e se arruíne ao noso país.

Como existen culpábeis, ten que haber responsabilidades

Historicamente tivemos que aturar como os políticos galegos pertencentes ás organizacións políticas españolas estaban en Madrid para "obedecer" e executar as ordes que dende alí se ditaban. De feito é unha realidade que o 95% da poboación non coñece o nome dos seus representantes pertencentes aos partidos estatais no Parlamento Español, cuestión tamén perfectamente planificada, pois non se pode pedir responsabilidades a quen non se coñece.

Dende todas as vertentes do nacionalismo temos que facer un esforzo de pedagoxía para que o conxunto da sociedade galega en xeral e lucense en particular se dea conta da responsabilidade que estes políticos teñen. Non podemos permitir que despois dunha agresión destas característica, estes segan ostentando o poder e mantendo o seu "status" para seguir a arruinar ao noso país.

Poucas veces quedou tan patente o efecto pernicioso para o noso país das políticas colonialistas do estado e poucas veces quedou tan ao descuberto a actitude dos cadros políticos destas organizacións. Só o nacionalismo galego se enfrontou a esta situación e temos que ser capaces de que este enfrontamento se visualice e se chegue a conclusión se só dende a liberación nacional e dende a esquerda real podemos empezar a construír este país.

A creación de contradicións na sociedade e o derrube de mitos e prexuízos ten que ser o obxectivo que o nacionalismo se ten que marcar para os próximo meses. É unha oportunidade histórica para que a sociedade entenda que sen nacionalismo e sen esquerda nunca teremos un país normalizado.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña